A Deputación construirá beirarrúas na estrada DP 6902 que conecta Pontedeume coas Fragas do Eume
Formoso anuncia a redacción do proxecto como primeiro paso de cara á execución da obra, que se acometerá en varias fases debido á lonxitude da vía
Valentín González Formoso considerou a actuación "necesaria para mellorar a seguridade nunha zona que carece dun paso seguro para peóns"
Bernardo Fernández lembrou que se trata dunha "antiga demanda veciñal" e incidiu na necesidade de que "as Fragas do Eume conten cun acceso peonil en condicións"
A Deputación da Coruña construirá beirarrúas na estrada DP 6902 que conecta Pontedeume coas Fragas do Eume.
Así o anunciou o presidente provincial, Valentín González Formoso, na visita que realizou á zona xunto ao alcalde de Pontedeume e portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, concelleiros da localidade e membros da asociación de veciños de Ombre.
Formoso anunciou alí que a Deputación encargará de forma inmediata a redacción dun proxecto para a construción de beirarrúas nesta estrada que atravesa as parroquias de Nogueirosa e Ombre e dá acceso ao parque natural das Fragas do Eume como "primeiro paso" para unhas obras que considerou "necesarias para mellorar a seguridade nunha zona que carece dun paso seguro para peóns e que conecta un espazo de tanta importancia como é o Parque Natural das Fragas do Eume coa vila de Pontedeume".
Pola súa parte, o rexedor eumés lembrou que se trata dunha "antiga demanda veciñal para mellorar a seguridade dunha estrada que, especialmente durante a primavera e o verán, rexistra un elevado volume de tráfico" e incidiu na necesidade de que "o parque natural conte cun acceso peonil en condicións que tamén beneficiará aos veciños e veciñas desta zona nos seus desprazamentos cotiás".
Este proxecto técnico supón o primeiro paso de cara á futura execución da obra, nunha estrada na que o goberno provincial xa actuou durante o anterior mandato para levar a cabo a mellora do firme. Prevese que, debido á lonxitude da vía, a actuación se desenvolva en varias fases.