Estás en:Novas

A Deputación financia a construción dunha senda peonil na estrada que une Lameiro con Vilaboa, no concello do Pino

A Deputación achega o 80% do custo total das obras, que permitirán dar continuidade ao itinerario peonil na zona do polideportivo de Lameiro cunha nova senda de metro e medio de ancho

Os traballos inclúen a mellora da drenaxe de pluviais e a canalización subterránea do cableado da iluminación pública

A Deputación financia a construción dunha senda peonil na estrada que une Lameiro con Vilaboa, no concello do Pino

A Deputación da Coruña cofinancia a construción dunha senda peonil na estrada que vai de Lameiro a Vilaboa, no concello do Pino. A través dun convenio que se aprobará no pleno do vindeiro venres, 25 de marzo, o ente provincial achegará unha contía de 66.811 euros (o 80% do total) para custear esta actuación de mellora da seguridade peonil.

A nova infraestrutura dará continuidade á senda existente na zona do polideportivo de Lameiro. Desta forma, crearase un novo itinerario peonil na plataforma que conecta este lugar con Vilaboa, ambos na parroquia de Arca. A nova senda contará cun ancho de metro e medio e permitirá que os usuarios e usuarias que camiñen pola zona poidan facelo en mellores condicións, reducindo tamén deste xeito o risco de posibles incidentes entre estes e o tráfico rodado. A senda quedará dividida da estrada por un bordo que delimitará ben ambos camiños.

O proxecto inclúe a escavación en gavia para a colocación das tubaxes de drenaxe de augas pluviais, un colector de saneamento, un pozo de rexistro e un imbornal prefabricado de formigón. Así mesmo, levarase a cabo a canalización subterránea do cableado da iluminación pública.

O prazo de execución das obras está previsto en catro meses.