Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación destina 88.257 euros para dotar a parroquia de Muíño, en Zas, dunha rede de saneamento

Disporanse 1.468 metros de canalizacións de PVC, 26 pozos de rexistro e 25 acometidas domiciliarias correspondentes á rede de augas residuais

Os traballos solucionarán os vertidos incontrolados a canles públicas e aumentarán a protección ambiental e sanitaria no medio rural

As obras están en fase de licitación ata o 10 de abril

O Plan Único da Deputación destina 88.257 euros para dotar a parroquia de Muíño, en Zas, dunha rede de saneamento

O Plan Único da Deputación da Coruña financia a dotación dunha rede de saneamento aos núcleos de Pedrapadreiro, Marán e Campos, no concello de Zas. As actuacións que se van realizar nestes lugares da parroquia de Muíño están en fase de licitación ata o 10 de abril por importe de 88.257 euros.

O programa provincial financia o 100 % do custo total da iniciativa, que proxecta a creación dunha rede de sumidoiros nos lugares mencionados mediante a execución de colectores de PVC. As obras permitirán instalar 1.468 metros de canalizacións de PVC e 26 pozos de rexistro. Así mesmo, executaranse 25 acometidas domiciliarias correspondentes á rede de augas residuais, que se conectarán ao pozo correspondente para a súa correcta evacuación.

Para levar a cabo ditas tarefas será preciso demoler o firme existente e posteriormente repoñelo. Tamén se acondicionarán outros espazos afectados pola nova infraestrutura. Os traballos contan cun prazo de execución estimado de dous meses desde o inicio das obras.

Estas actuacións permitirán dar servizo a, practicamente, todas as vivendas da zona, que na actualidade empregaban pozos negros ou fosas sépticas. Deste xeito, a nova instalación contribuirá a eliminar os vertidos incontrolados a canles públicas, como podía ser o da rede de pluviais do lugar de Marán.

Deste xeito, a Deputación dá apoio a unha proposta que aumentará a protección ambiental e sanitaria no medio rural grazas a unha boa xestión das augas residuais urbanas, o que contribuirá ao desenvolvemento sostible da contorna. O novo servizo servirá tamén para protexer o patrimonio natural fluvial de Zas.