A Deputación financia investimentos e actividades medioambientais con dúas liñas de axuda de 275.000 euros
O Boletín Oficial da Provincia recolle as bases dos programas de subvencións
As achegas impulsarán iniciativas de voluntariado ambiental, difusión e sensibilización, conservación, cambio climático, sustentabilidade enerxética, desenvolvemento de políticas medioambientais ou posta en valor de recursos naturais
O deputado de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, José Ramón Rioboo, destacou a implicación "que debemos ter desde as administracións públicas á hora de dar apoio ás organizacións que traballan neste senso para conseguir os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Axenda 2030"
A Deputación da Coruña dá apoio ao desenvolvemento de actividades e investimentos no ámbito medioambiental en 2022 con dúas liñas de axuda de 275.000 euros.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar bases reguladoras destas subvencións, que van dos 1.000 aos 15.000 euros por entidade beneficiaria. A través destas achegas poderanse financiar proxectos de voluntariado ambiental, de difusión e sensibilización e de conservación e protección do medio, así como actuacións vencelladas ao cambio climático, sustentabilidade enerxética, desenvolvemento de políticas e estratexias ambientais, posta en valor de recursos naturais ou que promovan a participación social no compromiso co medio natural.
Por unha banda, no apartado de investimentos, a Deputación destina 100.000 euros para financiar a adquisición de aplicacións informáticas, terreos e bens naturais, construcións, maquinaria, ferramentas, mobiliario ou elementos de transporte.
Pola outra banda, inviste 175.000 euros para apoiar o desenvolvemento de proxectos de actividades no eido medioambiental financiando con este orzamento os bens e equipamento para levar a cabo acción, alugueiros e canons, traballos realizados por empresas, primas de seguros para as persoas que participen, publicidade, soldos, Seguridade Social e desprazamentos.
O deputado responsable da área de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, José Ramón Rioboo, subliñou que estas subvencións "contribúen ao coidado do planeta, co fin de defender o medio e protexer e mellorar a calidade de vida das persoas". O deputado provincial destacou a implicación e compromiso "que debemos ter desde as administracións públicas á hora de dar apoio ás organizacións que traballan neste senso para conseguir os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Axenda 2030".
As entidades interesadas deberán presentar a súa solicitude a través da plataforma telemática SUBTeL da Deputación. O prazo determinarase no anuncio do extracto de cada convocatoria, que se publicará no BOP, por conduto da Base de Datos Nacional de Subvencións.
Acceso ás bases publicadas no BOP:
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/03/25/2022_0000001551.pdf
https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/03/25/2022_0000001552.pdf