Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Camariñas financian a reurbanización das rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández

O proxecto, previamente consensuado por Valentín González Formoso e Sandra Insua, inclúe a pavimentación das vías, a execución dunha rede de saneamento e outra de pluviais e a ordenación das rúas coa avenida da Coruña

O orzamento é de 128.346,03 euros, dos que o ente provincial achegará 102.676,82 euros

A Deputación e o Concello de Camariñas financian a reurbanización das rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández

A Deputación da Coruña aprobou no último pleno un convenio co Concello de Camariñas para financiar as obras de reurbanización das céntricas rúas Ramón Noguera e Irmáns Fernández, un proxecto que foi previamente consensuado por Valentín González Formoso e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua.

A actuación, que está valorada en 128.346,03 euros dos que a Deputación achegará 102.676,82 euros, o 80% do orzamento, centrarase na pavimentación das rúas citadas. Para isto, aplicarase un novo firme de formigón armado na rúa Ramón Noguera e de aglomerado asfáltico en Irmáns Fernández, material que tamén se usará para o entronque coa avenida da Coruña.

Previamente á pavimentación procederase á execución dunha rede de saneamento de augas fecais con bombeo co obxectivo de canalizalas á rede xeral que conduce á estación depuradora e evitando así que se produzan vertidos ao mar. Paralelamente, instalarase outra rede para a recollida e evacuación de augas pluviais.

Finalmente, procederase á ordenación do encontro destas dúas rúas coa avenida da Coruña. Para facilitar a mobilidade habilitarase un paso peonil de pedra granítica que conectará a avenida da Coruña coas rúas a través da illa existente, na que se renovará a zona verde, instalarase unha luminaria e tamén unha varanda. Ademais, reordenaranse as prazas de aparcadoiro en toda a zona.