Estás en:Novas

A Deputación financia a través do Plan Único a mellora da accesibilidade no camiño da Camposa, en Malpica

As obras, que teñen un orzamento de 58.419,04 euros, consistirán na pavimentación da vía, a canalización das augas superficiais e a dotación de iluminación adecuada

O prazo de presentación de ofertas no proceso de licitación pública aberto no perfil do contratante municipal remata o 11 de abril

A Deputación financia a través do Plan Único a mellora da accesibilidade no camiño da Camposa, en Malpica

A Deputación da Coruña financia na súa totalidade, a través do Plan Único, un proxecto valorado en 58.419,04 euros para mellorar a accesibilidade no camiño da Camposa, un lugar da parroquia de Buño, no Concello de Malpica.

O camiño conta con 114 metros de lonxitude e algo máis de 2 metros de ancho e une a zona norte de Buño, desde a Casa de Laxe ata unha fonte e lavadoiro situados ao pé da rúa Forno Novo. Este itinerario é moi utilizado polos veciños e veciñas da zona para ir ao centro de saúde ou recoller auga da fonte pero nos meses de inverno dificúltase o tránsito pola auga presente en toda a plataforma debido aos distintos afloramentos existentes.

Os traballos que se han levar a cabo pretenden solucionar este problema e facer o camiño accesible para o tránsito peonil durante todo o ano. Para iso, cambiarase o pavimento por outro de pedra natural, canalizaranse as augas superficiais que anegan a vía e dotarase esta de iluminación adecuada mediante balizas que se situarán a cada 20 metros. Ademais, integrarase e poñerase en valor a fonte e o lavadoiro e levarase o saneamento á parte superior do camiño mediante un sistema de canalizacións e pozos estancos para evitar filtracións.

O prazo de presentación de ofertas no proceso de licitación pública aberto no perfil do contratante do Concello de Malpica remata o 11 de abril.