Estás en:Novas

Aberto ata o 23 de maio o prazo de presentación de obras ao XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil

Dotado con 6.500 €, poderán participar todas as persoas, maiores de idade, que non fosen premiadas nos cinco anos anteriores e que presenten narracións en lingua galega inéditas, non galardoadas en ningún outro certame, nin publicadas ou rexistradas.

Aberto ata o 23 de maio o prazo de presentación de obras ao XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil

O 23 de maio rematará o prazo e presentación de orixinais ao XVI Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, convocado pola Deputación da Coruña. Dotado con 6.500 € para a obra gañadora, poderán participar todas as persoas, maiores de idade, que non fosen galardoadas nos cinco anos anteriores e que presenten narracións en lingua galega inéditas, non premiadas en ningún outro certame, nin publicadas ou rexistradas, total ou parcialmente. A Deputación publicará a obra premiada, directamente ou a través doutra editorial.

"Este", sinala o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, "é un premio con vontade de fomentar a creatividade literaria dirixida ao mundo dos máis pequenos e pequenas e facer memoria desta personaxe de lenda vinculada ás terras de Compostela".

"Que se me pare o corazón se te esquezo", da escritora Andrea Maceiras, foi a obra premiada en 2021, edición á que se presentaron 43 orixinais e arredor da que a institución provincial elaborou un programa de actividades para render homenaxe a unha das figuras relevantes da literatura galega contemporánea, Agustín Fernández Paz, primeiro gañador do certame, en 1998, coa novela "Cos pés no aire". Xosé A. Neira Cruz, con "O enigma de Santiago", en 2020; Valentín Alvite Gándara, con "Antía e Daren", en 2019; e An Alfaya, con "O Grupo", en 2018, fixéronse tamén co galardón en convocatorias recentes.