Estás en:Novas

A Deputación apoia con 380.000 euros o mantemento de conservatorios, escolas de música e danza en 28 municipios da provincia

Formoso subliña a aposta da Deputación "por facer accesible a formación cultural a todos municipios de toda a provincia, máis alá das áreas urbanas"

As achegas son de 10.000 euros para as escolas de música e 20.000 para os conservatorios

A Deputación apoia con 380.000 euros o mantemento de conservatorios, escolas de música e danza en 28 municipios da provincia

A deputada de Educación, Sandra González, nunha visita ao Conservtaorio de Noia

A Deputación da Coruña inviste 380.000 euros para o mantemento de conservatorios, escolas de música e de danza municipais durante o 2022. O Boletín Oficial da Provincia (BOP) vén de publicar a concesión provisional das achegas, das que se benefician este ano un total de 28 concellos da provincia.

Con estas achegas, a Deputación axuda a Concellos e entidades locais co financiamento para a reparación e conservación de equipamento, contratacións externas e subministracións, entre outros. As contías provisionais van dun mínimo de 10.000 a un máximo de 20.000 euros por municipio beneficiario.

O presidente Valentín González Formoso destacou o compromiso da Deputación da Coruña por "facer accesible a formación cultural aos municipios de toda a provincia, máis alá das grandes cidades, co fin de que a rapazada dos pequenos e medianos concellos tamén teña acceso á formación cultural e podan gozar das mesmas oportunidades que as áreas urbanas".

Pola súa banda, a deputada de Educación, Sandra González, subliñou que con estas axudas "queremos impulsar a formación artísticas nos diferentes centros da provincia, nos que sabemos que hai un talento moi importante que queremos seguir potenciando". A deputada incidiu en que moitos destes centros dan servizo "de ámbito comarcal", permitindo a alumnos dun gran número de concellos da provincia acceder a estas formacións no eido da música e a danza.

A Baña, As Pontes, Abegondo, Ames, Arzúa, Betanzos, Brión, Cabana de Bergantiños, Carballo, Carnota, Cee, Culleredo, Melide, Mugardos, Muros, Negreira, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Ortigueira, Padrón, Ponteceso, Porto do Son, Ribeira, Rois, Sada e Santiago son os municipios beneficiados por este programa da Deputación.

A concesión provisional das axudas pode consultarse na seguinte ligazón:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/03/30/2022_0000001633.html