Turismo da Deputación promociona 12 experiencias de turismo industrial no Salón B-Travel de Barcelona
Difunde unha guía con "12 visitas imprescindibles na provincia da Coruña" que recolle información sobre Museo Estrella Galicia - MEGA, varios proxectos de ecoturismo e transformación agroalimentaria da área da Rerseva da Biosfera, ou recursos como o Ecomuseo Forno do Forte, o Lago Mineiro das Pontes ou a Ruta da Construción Naval en Ferrol
O vicepresidente da Deputación tamén participou nas xornadas profesionais, presentando o relatorio sobre o Museo de Estrella Galicia - MEGA
O vicepresidente da Deputación e deputado de Turismo, Xosé Regueira, participou esta tarde nas xornadas profesionais do Salón B-Travel que se está celebrando esta fin de semana no Recinto Feiral de Montjuïc de Barcelona. Xosé Regueira explicou na súa intervención que "ademais de ser un país no que o rural e o mar sempre foron fundamentais na nosa actividade económica tamén temos unha importante actividade industrial e, de feito, formamos parte da Rede de Turismo Industrial do Estado, porque temos uns recursos neste ámbito que merecen ser postos en valor, que ademais falan moi ben da nosa capacidade de emprendemento e da nosa tradición para transformar os produtos da terra e do mar nunha experiencia turística".
O relatorio da Deputación da Coruña nas xornadas profesionais de B-Travel incluíu ademais unha intervención o director do Museo de Estrella Galicia – MEGA, Rodrigo Burgos, para expoñer un proxecto que o propio Xosé Regueira cualificou como "un exemplo do arraigo dunha empresa familiar co territorio, da súa capacidade emprededora e cunha responsabilidade social corporativa que se materializa na apertura do seu patrimonio industrial en forma de museo para achegalo a toda a sociedade".
Pola súa banda Rodrigo Burgos explicou que o Museo de Estrella Galicia – MEGA está concibido como "un percorrido de experiencias baseadas nos diferentes procesos de elaboración que utiliza Estrella Galicia para mimar as súas cervexas, e no patrimonio industrial conservado pola empresa familiar que ademais serve como contedor dun legado de máis de 115 anos". Amosou a proposta museística a través das instalacións que compoñen o museo, que integran a sala de caldeiras e outros elementos representativos na historia da fábrica, como o filtro prensa e o muíño de cereal. Rodrigo Burgos cualificou MEGA como unha "catedral cervexeira, transformada en museo experiencial grazas a unha proposta de visitas inmersivas e a un deseño museográfico innovador, que se completa con máis de 10.000 referencias catalogadas das prezas produtivas, comerciais e de marketing que a familia Rivera foi atesourando ao longo de catro xeracións".
Unha ducia de experiencias turísticas
Ademais de participar nas xornadas profesionais, a área provincial de Turismo está a realizar unha promoción de diferentes experiencias turísticas de carácter industrial de toda a provincia da Coruña desde o posto que ten instalado no Salón B-Travel. "Queremos poñer en valor e difundir os recursos relacionados coa tradición da industria conserveira, coa transformación do barro ou con proxectos de ecoturismo e transformación agroalimentaria da área da Reserva da Biosfera" asegura Xosé Regueira.
Baixo o título "12 visitas imprescindibles na provincia da Coruña" estase a ofrecer material promocional que recolle información sobre o Museo Estrella Galicia - MEGA, o proxecto de ecoturismo 'A Castrexa' (Cambre), a Casa Grande de Xanceda (Mesía), o Ecomuseo Forno do Forte (Malpica), o Lago Mineiro das Pontes, o espazo museístico La Conservería de 1884 (Camariñas), a Ruta da Construción Naval en Ferrol, Mina Piquito (Moeche), o Muíño das Mareas 'Pozo do Cachón' (Muros), o proxecto 'Os Biosbardos-Cultura de Leira' (Cambre), a Ruta do lúpulo galego, e a empresa de cultivo e comercialización de té e plantas aromáticas 'Orballo' (Oleiros).