Estás en:Novas

A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas para proxectos e investimentos medioambientais, ás que dedica 275.000 euros

As entidades poderán solicitalas desde mañá, 5 de abril, ata o día 29 do mesmo mes a través da plataforma telemática SUBTeL

O ente provincial inviste 100.000 euros para financiar investimentos e 175.000 para o desenvolvemento de actividades

As achegas impulsarán iniciativas de voluntariado ambiental, difusión e sensibilización, conservación, cambio climático, sustentabilidade enerxética, desenvolvemento de políticas medioambientais ou posta en valor de recursos naturais

A Deputación abre o prazo para solicitar as axudas para proxectos e investimentos medioambientais, ás que dedica 275.000 euros

A Deputación da Coruña abrirá mañá, 5 de abril, o prazo para solicitar as súas axudas ao desenvolvemento de actividades e investimentos no eido medioambiental no 2022, que contan cun orzamento de 275.000 euros.

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) acaba de publicar a convocatoria das subvencións, que van dos 1.000 aos 15.000 euros por entidade beneficiaria.

A través destas achegas poderanse financiar proxectos de voluntariado ambiental, de difusión e sensibilización e de conservación e protección do medio, así como actuacións vencelladas ao cambio climático, sustentabilidade enerxética, desenvolvemento de políticas e estratexias ambientais, posta en valor de recursos naturais ou que promovan a participación social no compromiso co medio ambiente.

As entidades interesadas poderán presentar a súa solicitude a través da plataforma telemática SUBTeL da Deputación ata as 14:00 horas do 29 de abril de 2022.

A Deputación financia investimentos con 100.000 euros

No apartado de investimentos, a Deputación destina 100.000 euros para financiar a adquisición de aplicacións informáticas, terreos e bens naturais, construcións, maquinaria, ferramentas, mobiliario ou elementos de transporte.

O ente provincial apoia as actividades cunha achega de 175.000 euros

Ademais, a Deputación inviste 175.000 euros para apoiar o desenvolvemento de proxectos de actividades no eido medioambiental financiando con este orzamento os bens e equipamento para levar a cabo acción, alugueiros e canons, traballos realizados por empresas, primas de seguros para as persoas que participen, publicidade, soldos, Seguridade Social e desprazamentos.

O deputado responsable da área de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, José Ramón Rioboo, subliñou que estas subvencións "contribúen ao coidado do planeta, co fin de defender o medio ambiente e protexer e mellorar a calidade de vida das persoas". O deputado provincial destacou a implicación e compromiso "que debemos ter desde as administracións públicas á hora de dar apoio ás organizacións que traballan neste senso para conseguir os obxectivos de desenvolvemento sostible marcados pola Axenda 2030".

Acceso ás convocatorias publicadas no BOP:

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/04/04/2022_0000001672.pdf

https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2022/04/04/2022_0000001674.pdf