Estás en:Novas

O Plan Único destina 93.964 euros a actuacións para mellorar a seguridade viaria e a rede de pluviais en Mugardos

A Deputación financia o 100 % das obras con cargo a este programa

Investiranse 62.097 euros para renovar o firme e a canalización da rede de pluviais das rúas do Penedo e Franza de Abaixo

O plan provincial tamén dedica 31.867 euros para acondicionar a rede de pluviais do Porto, que na actualidade sufre de acumulacións de auga na fachada marítima do núcleo en época de choivas

O Plan Único destina 93.964 euros a actuacións para mellorar a seguridade viaria e a rede de pluviais en Mugardos

A Deputación da Coruña dedica 93.964 euros, a través do seu Plan Único, actuacións para incrementar a seguridade viaria nas rúas do Penedo e Franza de Abaixo e para mellorar a rede de pluviais no Porto, no concello de Mugardos. As tarefas, financiadas na súa totalidade polo programa do ente provincial, atópanse en fase de licitación ata o 11 e 12 de abril.

Un dos proxectos contempla actuar na rede de estradas municipal para dotala duns servizos máis eficientes e, deste xeito, mellorar as comunicacións no termo e incrementar a seguridade na contorna. Estas tarefas contan cun orzamento total de 62.097 euros e un prazo de execución de tres meses. Así pois, dentro dos traballos inclúese a canalización da rede de pluviais ao longo do camiño e dos ramais da rúa do Penedo. Esta sitúase no núcleo da Pedreira e ten acceso desde a DP-3504 e continúa ata os límites da propiedade da empresa Reganosa.

A execución da iniciativa contempla a instalación dun sistema de recollida e de condución das augas de escorrentía mediante caz, sumidoiros e tubaxes enterradas, realizándose a recollida mediante un colector ata a súa conexión por gravidade coa canalización existente. Dentro dos traballos, reporase de forma completa o pavimento da vía e instalarase nova sinalización horizontal e vertical.

O Plan Único da Deputación financia tamén o custo dunha segunda proposta en materia de estradas, neste caso na rúa Franza de Abaixo. Esta plataforma parte da rede autonómica AC-133 e descende cara a rúa San Vitorio, onde se atopa un templo relixioso. As obras inclúen a mellora da capa de rodaxe mediante mestura bituminosa en quente na vía principal e en dous dos ramais. Actuarase tamén nun camiño situado ao norte que parte tamén da plataforma principal e que une o camiño de San Vitorio co de Franza de Arriba coa renovación deste mediante pavimento continuo de árido visto. En todo o ámbito actualizarase a sinalización horizontal e vertical.

Mellora da rede de pluviais no Porto

Por outra banda, o Plan Único da Deputación financia con 31.867 euros a mellora da rede de pluviais na fachada marítima do núcleo do Porto, que na actualidade sufre de acumulacións de auga recorrentes en época de choivas, o que provoca molestias aos habitantes da zona e aos negocios hostaleiros situados na contorna.

Para solucionar esta problemática, executarase un colector de saneamento de augas pluviais de 64 metros de lonxitude que, xunto a un ramal de 28 metros, permitirá evacuar as augas en sentido contrario ao existente, cunha maior pendente, evitando as inundacións que se presentan na actualidade nos edificios do extremo norte.

Estas actuacións contarán cun prazo de execución de tres meses e contemplan tamén a reposición do firme e dos elementos danados polas tarefas.