Estás en:Novas

Formoso cualifica o inicio da construción das fragatas F-110 como “un día histórico para a comarca de Ferrolterra”

O presidente da Deputación participou hoxe no acto de corte da primeira prancha de aceiro do primeiro buque das cinco F-110 que construirá Navantia

Formoso destaca "as oportunidades que xera este megacontrato de 4.325 millóns de euros que vai  supoñer 9.000 empregos e carga de traballo durante 10 anos"

Formoso cualifica o inicio da construción das fragatas F-110 como “un día histórico para a comarca de Ferrolterra”

Formoso acompañou ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no acto de corte de chapa da primeira fragata

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, cualificou de "proxecto tractor, non só para Ferrol e comarca de Ferrolterra, senón para toda Galicia" o contrato de 4.325 millóns de euros para a fabricación no estaleiro ferrolán das fragatas F-110 que construirá Navantia para a Armada española nun prazo de 10 anos.

Formoso participou hoxe no acto de corte da primeira prancha de aceiro do primeiro buque, que estivo presidido polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e no que tamén estiveron presentes, entre outras autoridades, a vicepresidenta segunda do Goberno de España, Yolanda Díaz; a ministra de Facenda, María Jesús Montero; o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o vicepresidente económico da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o alcalde de Ferrol, Ángel Mato; a presidenta da SEPI, Belén Gualda; e o presidente de Navantia, Ricardo Domínguez.

"Hoxe é un día realmente histórico na comarca de Ferrolterra e en Ferrol xa que se pon en marcha un megacontrato de 4.325 millóns de euros que vai  supoñer a contratación e o mantemento do emprego dunha media de 10.000 traballadores durante 10 anos, o cal significa un proxecto é un contrato tractor no só para Ferrol e a comarca de Ferrolterra senón para toda Galicia" , destacou o presidente provincial.

González Formoso salientou que "aquí se aglutinará talento, coñecemento, e oportunidades laborais para a sociedade galega" e engadiu que "tamén lle vai dar un alento a un estaleiro e unha cidade que ten tempo para repensar a súa diversificación, para modernizar as súas capacidades nas instalacións de Navantia e para ir incorporando melloras de dixitalización, de procesos produtivos, ou novas infraestruturas como o propio dique que lles permitan ser competitivos de cara a un futuro a curto prazo".

Cinco fragatas F-110 en 10 anos

O contrato para a fabricación das cinco fragatas F-110 para a Armada Española que o Goberno de España levará a cabo no estaleiro de Ferrol ten un orzamento de 4.325 millóns de euros e un prazo de execución de 10 anos. A previsión de Navantia, entidade encargada da súa execución, é que a primeira fragata estea lista a comezos do 2027 mentres que a última estará para o 2031.