Estás en:Novas

A Deputación completará a Vía Verde entre Cerceda e Oroso o vindeiro mes de maio

Formoso visita o primeiro tramo Cerceda-Tordoia, xa moi avanzado, e destaca a aposta da Deputación por "un novo modelo de mobilidade sostible que contribuirá a potenciar o turismo e a economía da zona"

"Será a maior Vía Verde de Galicia e a primeira da provincia da Coruña", destaca o presidente

O presidente e o alcalde de Cerceda visitaron as obras de mellora nos accesos do colexio "O Cruce", financiadas con cargo ao Plan Único provincial

O rexedor de Cerceda agradeceu o traballo da Deputación durante o goberno de González Formoso: "Desde que chegou á presidencia investíronse no noso Concello máis de 9 millóns de euros"

A Deputación completará a Vía Verde entre Cerceda e Oroso o vindeiro mes de maio

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, supervisou esta mañá, acompañado do alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, o avance das obras do primeiro tramo da Vía Verde, que discorre nos concellos de Cerceda e Tordoia.

González Formoso e Rodríguez, acompañados da deputada Cristina Capelán e de concelleiros e concelleiras da localidade, desprazáronse ata a estación ferroviaria de Queixas-Ledoño, onde avaliaron o alto nivel de execución dos traballos deste tramo do itinerario, que parte desde este punto e conectará cos municipios de Tordoia, Ordes e Oroso, e que están a piques de rematar.

A Deputación da Coruña prevé completar ao 100% as obras dos tres tramos Vía Verde, que suman un investimento de cerca de 2 millóns de euros, o vindeiro mes de maio

Así o anunciou o presidente, Valentín González Formoso, que manifestou que se trata "dun proxecto que ilusiona moito a esta provincia", que permite "recuperar as vías de ferrocarril en desuso para darlle unha segunda vida que promova a mobilidade sostible entre as localidades polas que discorre".

A maior Vía Verde de Galicia, con 36,5 quilómetros

Formoso subliñou o diálogo e colaboración da Deputación co "Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, o IDEA, a Fundación do Ferrocarril e os concellos para crear a que será a maior Vía Verde de Galicia e a primeira da provincia da Coruña".

Pola súa banda, o rexedor do municipio, Juan Manuel Rodríguez, sinalou que o proxecto "é un recurso extraordinario, que ofrecerá unha conexión non motorizada con Santiago e a oportunidade, nun futuro, de enlazar tamén coa Coruña". O alcalde sinalou a importancia "dun marco de colaboración entre os distintos Concellos e actores para o mantemento" da Vía para que "sexa un recurso atractivo" que repercuta na economía de Cerceda.

Este é o primeiro tramo dos tres dos que disporá a primeira Vía Verde da provincia da Coruña, que unirá os municipios de Santiago e Cerceda a través dun itinerario de 36,5 quilómetros que poderá realizarse a pé ou en bicicleta sobre as antigas vías do ferrocarril. O proxecto conta cun orzamento de preto de 2 millóns de euros cofinanciados polo ente provincial e os fondos europeos FEDER.

O trazado deste primeiro percorrido discorre polos termos municipais de Tordoia e Cerceda, e está dividido en tres subtramos. O primeiro desenvólvese en Tordoia, entre os quilómetros 23+570 e 26+040. O segundo subtramo arrinca no quilómetro 28+100, no límite entre os concellos de Ordes e Cerceda, rematando en Xesteda, onde, debido á interrupción do trazado por mor da liña de alta velocidade, a senda apártase e continúa a través de camiños e estradas locais. Por último, o derradeiro subtramo, discorrerá en paralelo ao rego de Tourío, comezando no quilómetro 34+400 e rematando no 36+850, no ramal de Meirama.

Actualmente, xa están executadas as bases da senda e os pavimentos, e nos vindeiros dous meses prevese rematar as tarefas cos novos regos asfálticos, a instalación de nova sinalización e a disposición de mobiliario. Na estación de Queixas-Ledoño tamén se levará a cabo o acondicionamento da área de descanso que se instalará na zona. Para construír este tramo de Vía Verde, acondicionaranse 8.460 metros de plataforma ferroviaria.

A iniciativa forma parte da aposta do ente provincial por un novo modelo de mobilidade sostible na provincia coruñesa. "Este investimento non vai quedar aquí, é dicir, intentaremos seguir implantando este novo modelo de mobilidade, de promoción do turismo e da economía da contorna", argumentou Formoso.

Así pois, a Vía Verde permitirá darlle unha segunda vida á rede ferroviaria abandonada, creando unha alternativa segura para a circulación de ciclistas e camiñantes. González Formoso destacou tamén a capacidade vertebradora que terá esta vía nos núcleos rurais polos que discorre.

No marco da visita a Cerceda, o alcalde tamén agradeceu o traballo que realizou nos últimos anos a Deputación co goberno de Valentín González Formoso. "Desde que Formoso está na presidencia, este concello recibiu máis de 9 millóns de euros. Máis de 400.000 euros en emprego, máis de 5 millóns en obras proxectadas polo Concello, máis de 2 millóns en vías provinciais e, aproximadamente, 1,3 millóns en subvencións para entes e asociacións".

Mellora de seguridade nos accesos ao colexio "O Cruce"

O presidente provincial e o alcalde do municipio tamén visitaron na xornada de hoxe as obras que se están a executar nos accesos do colexio "O Cruce", cofinanciadas pola Deputación e o Concello con 156.420 euros con cargo ao Plan Único.

Aínda que o orzamento inicial para estas tarefas era menor, posteriormente, considerouse necesario incrementar a partida dedicada para ampliar a vía ata as aliñacións previstas no PXOM e, ao mesmo tempo, dotar á contorna de servizos de iluminación pública, saneamento, recollida de pluviais e abastecemento de auga.

Os traballos permitiran renovar o pavimento da zona e construír unha beirarrúa de case 200 metros, dando resposta con estas tarefas ás demandas da veciñanza para dotar ás instalacións dunha contorna máis segura para o alumnado do centro escolar e da veciñanza.

Novas beirarrúas na travesía de Abeleira

Na xornada de visita a Cerceda, Formoso achegouse tamén a coñecer de primeira man os resultados das obras que permitirán construír 260 metros de beirarrúas de 1,8 metros de ancho na travesía de Abeleira. O Concello financiou os traballos con cargo ao Plan Único da Deputación, contando cun orzamento de 37.575 euros.

A Deputación deu, deste modo, apoio ao Concello para configurar unha contorna máis humana e segura a partir dun novo itinerario peonil construído con bordo de formigón prefabricado, quince quilómetros de lastro, dez de formigón e baldosa hidráulica.

Formoso e Rodríguez conversaron cos veciños sobre a mellora de seguridade que a obra supón para poder camiñar con seguridade.