Cultura da Deputación selecciona 8 proxectos de literatura e pensamento para as Residencias Artísticas Mariñán
O vindeiro luns ábrese o prazo para presentar proxectos de carácter literario e proxectos relacionados co desenvolvemento de liñas de pensamento. As residencias terán unha duración máxima de 14 días, e catro desenvolveranse no mes de xullo e as outras catro no mes de decembro
Poden concorrer a esta convocatoria persoas maiores de idade que residan en Galiza e que desenvolvan proxectos literarios en lingua galega en calquera das súas expresións, ou que investiguen calquera ámbito de coñecemento
A área de Cultura da Deputación da Coruña, no marco da súa nova liña de apoio á creación, vén de facer pública unha nova convocatoria para participar nas Residencias Artísticas Mariñán. Trátase das residencias dedicadas a proxectos literarios e de pensamento, que veñen sumarse á convocatoria de Residencias Artísticas para producións musicais – á que poden concorrer artistas e formacións musicais e cuxo prazo permanece aberto ata o 19 de abril-.
Esta nova convocatoria, publicada hoxe no BOP, entrará en vigor o luns 11 de abril e establece un prazo de presentación de proxectos de 15 días. Para propostas literarias, poderán concorrer persoas maiores de idade con residencia en Galiza que desenvolvan o seu proxecto en lingua galega, en calquera das súas expresións, como narrativa, ensaio, poesía, teatro, guión cinematográfico, banda deseñada ou xéneros híbridos. Para propostas relacionadas co desenvolvemento de liñas de pensamento, poderán concorrer persoas maiores de idade con residencia en Galiza que desenvolvan o seu proxecto en lingua galega e que investiguen calquera ámbito de coñecemento, como filosofía, antropoloxía, historia, arte, economía, dereito, política ou sociedade.
As solicitudes consistirán nunha proposta de traballo e investigación persoal a desenvolver no contexto da residencia, que debe estar complementada cun relato autonarrativo no que a persoa solicitante explique as motivacións da solicitude e a súa traxectoria creativa. Tamén se poderá achegar algún fragmento do traballo e o CV da persoa solicitante.
Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse oito proxectos para desenvolver a súa residencia creativa no Pazo de Mariñán. Cada residencia terá unha duración máxima de 14 días, das cales catro se desenvolverán no mes de xullo e catro no mes de decembro.
Para elixir as catro propostas que participarán nesta iniciativa, nomearase un xurado composto por persoas de recoñecido prestixio do mundo da cultura que terán en conta criterios como o interese da proposta presentada, a traxectoria creativa do autor ou autora, e o interese da presenza do autor ou autora e do foco do seu traballo ou investigación dentro do contexto cultural da contorna.