Estás en:Novas

A Deputación da Coruña impulsará medidas para paliar os sobrecustos das obras producidos pola alza de prezos de combustibles e materias primas

Valentín González Formoso e Xosé Regueira reuníronse coa Asociación de Empresarios da Construción para analizar a situación que atravesa un sector que xera 40.000 empregos

O Goberno provincial habilitará unha partida para que Deputación e concellos poidan actualizar os prezos das obras en execución ou licitación, pero depende da habilitación legal da Xunta

A Deputación da Coruña impulsará medidas para paliar os sobrecustos das obras producidos pola alza de prezos de combustibles e materias primas

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, o vicepresidente Xosé Regueira, o portavoz do Goberno provincial, Bernardo Fernández, e o deputado de Contratación, Xosé Lois Penas, mantiveron unha reunión coa directiva da Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO), presidida por Diego Vázquez Reino.

O presidente dos construtores coruñeses trasladou ao Goberno provincial un informe que analiza a grave situación que atravesan as máis de 3.500 empresas e autónomos que integran o sector debido ao incremento do prezo dos materiais.

Vázquez Reino explicou que o sector está atravesando "unha situación moi complexa que vimos arrastrando desde 2008", pero que se agravou especialmente coa pandemia e as consecuencias da guerra de Ucraína "que fixeron que tivéramos un incremento do custe das obras do 22,7% en 2021, que seguen incrementándose en 2022".

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, interesouse polos detalles do informe e destacou a "importancia estratéxica" dun sector que mantén arredor de 40.000 empregos e sinalou que "como administración pública, a nosa obriga é pór enriba da mesa propostas que permitan solucionar esta situación".

Neste sentido, anunciou o compromiso do Goberno provincial de habilitar este ano unha partida orzamentaria para que tanto Deputación como concellos poidan actualizar os prezos dos contratos en licitación e execución, compensando a alza de prezos debido a situación de carestía das materias primas e combustibles".

Para iso, explicou, é necesario que Xunta de Galicia faga a habilitación legal correspondente en aplicación do decreto de 30 de marzo de 2022.

O deputado de Contratación, Xosé Lois Penas, valorou positivamente a reunión "a valoración é positiva, era importante poder formalizar esta xuntanza co sector da construción, un sector tan importante polo número de empresas e postos de traballo que supón para toda a provincia, e sobre todo por ser o sector mais importante en canto ao nivel de licitación directas ou indirectas por parte desta administración. Dende hai anos esta administración amosou a total implicación con este sector e traballamos na adecuación da realidade pública as necesidades de contratación mediante a realización dos novos pregos de contratación ou mesmo sendo das primeiras administracións en licitar en tempos de pandemia a fin de non prexudicar máis a un sector xa danado dende a crise do 2008"

Os responsables de APECO presentaron un informe sobre o impacto económico que os incrementos de prezos e o desabastecemento de determinadas materias está a ocasionar.

No informe acredítase que o 75% das empresas experimentou atrasos nas entregas de materiais, especialmente no caso da madeira, o aluminio e o PVC, aínda que tamén noutros como ferro, formigón, vidro, cemento .

En relación ao incremento de prezos, desde APECO explican que o 95% das empresas do sector notaron un incremento inusual do prezo dos materiais nos últimos tres meses , que supón un incremento medio do custo total das obras dun 22,2%. Entre os materiais que máis incrementaron os seus prezos no último trimestre destacan a madeira (125%), o aceiro (55%), o ferro (51 %) ou o aluminio (40%).

Esta situación deriva en que o 60,5% das empresas víronse na obriga de paralizar ou cancelar obras e atender ás penalizacións económicas correspondentes.