Estás en:Novas

A Deputación apoia a creación da Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa área, que se porá en marcha este ano

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, asistiu hoxe ao acto de presentación da Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa área de influencia na sede da Cámara de Comercio na cidade herculina

A Oficina ofrecerá información e asesoramento no eido e será axente impulsor de propostas prioritarias para o avance industrial da zona

Rioboo sinalou que o proxecto constitúe "unha oportunidade para captar novos proxectos en ámbitos como a intelixencia artificial, o BigData, a robótica ou outras moitas tecnoloxías emerxentes e situar a provincia como polo tecnolóxico e industrial de referencia"

Antonio Couceiro, presidente da Cámara da Coruña, argumentou que con ela se busca "revitalizar o atractivo da área para a localización de novas iniciativas, así como mellorar a competitividade das xa instaladas"

A Deputación apoia a creación da Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa área, que se porá en marcha este ano

José Ramón Rioboo define a Oficina de Promoción Tecnolóxico-Industrial da Coruña e a súa área como ferramenta ideal para "captar novos investimentos e atraer talento, impulsando todo o potencial da nosa provincia para situala como polo tecnolóxico e industrial de referencia no mundo enteiro". O deputado de Emprego asistiu hoxe ao acto de presentación desta iniciativa da Cámara de Comercio da Coruña, que conta co apoio da Deputación.

No encontro celebrado na sede da Cámara na cidade herculina, informouse de que esta Oficina se situará neste mesmo emprazamento. A iniciativa nace como ferramenta informativa sobre factores coma o solo industrial, lexislación, trámites administrativos ou provedores, entre outros. Tamén servirá como asesora e promotora do atractivo investidor nesta zona, co obxectivo de seguir captando investimentos industriais. Ademais, desenvolverá un labor de axente impulsor daquelas propostas prioritarias para o avance industrial da área.

O deputado provincial José Ramón Rioboo sinalou que a Oficina constitúe "unha oportunidade para captar novos proxectos en ámbitos como a intelixencia artificial, o BigData, a robótica ou outras moitas tecnoloxías emerxentes, que contribúan ao desenvolvemento socioeconómico do territorio". Tamén argumentou que o proxecto forma parte "dun novo escenario de oportunidades para seguir creando emprego e ofrecer á mocidade que se está formando un futuro digno. Un foco de atracción de novo talento e para coidar do noso, que moitas veces se ve na obriga de marchar".

Antonio Couceiro, presidente da Cámara de A Coruña, sinalou que coa Oficina se busca "revitalizar o atractivo da área para a localización de novas iniciativas con potencial innovador e de crecemento, así como mellorar a competitividade das xa instaladas".

Aposta e compromiso provincial co desenvolvemento do tecido industrial

A Oficina conta co apoio da Deputación da Coruña, o Concello da Coruña, o Concello de Arteixo, a Autoridade Portuaria da Coruña e a Universidade da Coruña. Rioboo destacou neste senso a colaboración entre todas as administracións implicadas para facer fronte aos grandes retos de futuro e promover o investimento tecnolóxico e industrial cara os polígonos xa implantados e aqueles en vías de desenvolvemento. "Creo que as entidades demostramos que, por enriba de todo, atópase o benestar dos galegos e das galegas", incidiu o deputado de Emprego. Rioboo tamén considera que esta ferramenta é unha nova chave "para contribuír a que A Coruña sexa motor económico de Galicia".

A Oficina realizará actuacións aliñadas coas políticas en materia de promoción industrial e atracción de investimentos existentes a nivel europeo, nacional, autonómico e local, tal e como se recolle no Plan de Promoción Tecnolóxico-Industrial elaborado pola Cámara de Comercio da Coruña.