Estás en:Novas

Aberto o prazo para inscribirse no ‘Club da Raíña Lupa’

O número de prazas está limitado a 20 persoas e as inscricións deben realizarse a través destes dous formularios   

Trátase do club de lectura que nace ao abeiro do Premio Raíña Lupa da Deputación da Coruña e que está coordinado pola gañadora da última edición do Premio, Andrea Maceiras

A primeira sesión terá lugar o venres 29 de abril e correrá a cargo de Antonio Manuel Fraga co libro "Santoamaro". Continuará con catro sesións máis nas que participarán Ledicia Costas, Manuel Rivas, Érica Esmorís, Berta Dávila e Andrea Maceiras

Aberto o prazo para inscribirse no ‘Club da Raíña Lupa’

Esta mañá vén de activarse os formularios para inscribirse no 'Club da Raíña Lupa', o club de lectura sen etiquetas e sen complexos que nace ao abeiro do Premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil da Deputación da Coruña. O número de prazas para participar nos 5 encontros programados está limitado a 20 persoas e a inscrición debe realizarse a través destes formularios 

As sesións terán lugar na Sala César Antonio Molina da Biblioteca provincial da Coruña, ás 18h do último venres dos meses de abril, maio, setembro, outubro e novembro. O primeiro dos encontros terá lugar o 29 de abril e xirará ao redor do libro "Santoamaro" de Antonio Manuel Fraga. Os seguintes encontros contarán coa participación Érica Esmorís, Berta Dávila, Ledicia Costas, Manuel Rivas e de Andrea Maceiras, esta última foi ademais a gañadora da edición do Raíña Lupa 2021 e é a coordinadora do Club.

Convén lembrar que o 'Club da Raíña Lupa' parte da filosofía 'non hai idade, hai literatura', para estender e socializar a idea de que a LIX vai máis aló do público estritamente infantil e xuvenil, polo que poderá participar tanto o público máis novo como calquera persoa adulta -nais, pais, irmáns, docentes, bibliotecarias- que desexe compartir experiencia lectora cos máis novos e novas.

Calendario de lecturas e encontros:
• 29 de abril: Antonio Manuel Fraga con "Santoamaro"
• 27 de maio: Érica Esmorís con "Patio de luces"
• 30 de setembro: Berta Dávila con "Un elefante no cuarto de estar"
• 28 de outubro: Ledicia Costas con "O neno de lume" e Manuel Rivas con "A nena lectora"
• 25 de novembro: Andrea Maceiras con "Que se me pare o corazón se te esquezo"