Estás en:Novas

A Deputación renova a súa alianza co Obradoiro para promocionar a provincia da Coruña como destino turístico

Valentín González Formoso visitou ao equipo no Multiusos Fontes do Sar de Santiago e expresoulles o seu convencemento de que "con esa unidade que exhibides permaneceremos nesta liga tan competitiva"

A campaña turística 'A Coruña. Unha provincia por descubrir' loce nas camisetas dos xogadores e nas pantallas do pavillón

A Deputación renova a súa alianza co Obradoiro para promocionar a provincia da Coruña como destino turístico

Valentín González Formoso visitou hoxe no Multiusos Fonte do Sar de Santiago de Compostela ao Monbus Obradoiro. O encontro serviu para formalizar a renovación do convenio co club de baloncesto que compite na Liga Endesa e co que a Deputación da Coruña se aliou para promocionar a provincia como destino turístico.

Formoso, acompañado dos deputados provinciais de Promoción Económica e Economía, Blas García e Antonio Leira, foi recibido polo presidente do club, Raúl López, saudou un por un a todos os integrantes do cadro de persoal e do corpo técnico e expresoulles o seu convencemento de que "con esa unidade que exhibides permaneceremos e seguiremos conseguindo vitorias nesta liga tan competitiva"

O presidente valorou a alianza formada xa que o Monbus Obradoiro "é unha referencia para a mocidade da provincia e de Galicia, un equipo que atesoura valores importantes como a da unión. A unión fai a forza, e a forza dun país é precisamente estar xuntos nos temas importantes. Afrontamos momentos difíciles dentro e fóra da pista, pero facémolo desde a unión", destacou.

Formoso salientou tamén que o convenio establecido co club "é unha fórmula magnífica de dar a coñecer a nivel nacional e fóra de España, unha provincia como A Coruña e un país como Galicia, que ten tanto que ofrecer".

Pola súa banda, Raúl López amosouse "encantado de que nos teñades elixido como equipo promocionador da provincia da Coruña" unha tempada máis e indicou que "toda a ACB se televisa en 120 países e este ano entre eles está China". "Esperemos que sigades con nós moitos anos máis, estamos encantados", afirmou o máximo mandatario do club