Estás en:Novas

A Deputación apoia con 290.000 euros ás agrupacións de Protección Civil para o financiamento de actividades e equipamento

O BOP publica hoxe o prazo para presentar solicitudes ás dúas liñas de subvencións, que remata o 6 de maio
Blas García destaca o importante labor dos voluntarios e voluntarias de Protección Civil durante a pandemia

A Deputación apoia con 290.000 euros ás agrupacións de Protección Civil para o financiamento de actividades e equipamento

A Deputación da Coruña destina 290.000 euros para apoiar ás agrupacións de Protección Civil da provincia a través de dúas liñas de subvencións dirixidas ao financiamento de actividades e á adquisición de equipamento de emerxencias.
O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe o extracto destas dúas convocatorias, nos que se estipula que o prazo de presentación de solicitudes para estas liñas de axudas rematará o venres 6 de maio ás 14 horas e deberán presentarse por vía telemática a través da plataforma SUBTEL.
Por unha banda, dedícase un orzamento de 60.000 euros para sufragar accións tendentes a impulsar o mantemento e reforzo dos servizos que veñen prestando á cidadanía desde as agrupacións tales como: compra de vestiario non inventariable, cursos formativos, organización de xornadas e congresos e as retribucións e seguridade social do persoal.
Pola outra, a liña para a adxudicación de equipamentos de emerxencia conta cun orzamento de 230.000 euros e está dirixida á compra de scooters, e equipos de comunicacións, coma walkie-talkies e repetidores, para levar a cabo a súa actividade diaria.
Poderán beneficiarse desta convocatoria aquelas agrupacións, asociacións e asociacións de agrupacións de voluntarios de Protección Civil cun mínimo de 5 membros e que cumpran algún dos seguintes requisitos: ter asignado algún convenio de colaboración co concello ao que pertencen, que algún membro da corporación municipal forme parte da directiva ou que os estatutos fosen aprobados pola administración local.
O deputado responsable da área de Promoción Económica, Blas García, destacou o apoio decidido da Deputación ás agrupacións de Protección Civil da provincia "a través de programas que están consensuados coas propias agrupacións e que atenden ás súas necesidades máis directas, permitíndolles desenvolver dun mellor xeito a labor, imprescindible e altruísta, que fan".