Estás en:Novas

A Deputación financia a mellora da seguridade viaria na rúa Coruña, en Noia

A actuación permitirá mellorar o firme, relocalizar os pasos de peóns mellorando ademais a súa accesibilidade e recuperar a altura da beirarrúa

A Deputación financia a mellora da seguridade viaria na rúa Coruña, en Noia

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, asinaron hoxe o convenio para financiar o proxecto para a mellora da seguridade viaria na rúa Coruña, un dos principais accesos ao municipio.

A actuación, que está valorada en 84.527,05 euros dos que a Deputación achegará 67.621,64 euros, o 80% do orzamento, permitirá mellorar a seguridade de vehículos e peóns nunha rúa interior do casco urbano de Noia que é moi utilizada xa que, por unha banda, conta cunha elevada actividade comercial e, pola outra, une as vías AC-550 e AC-311.

Os traballos a levar a cabo incluirán, ademais da renovación do firme e da reposición da sinalización horizontal que actualmente está practicamente borrada, a relocalización de dous pasos de peóns que, pola pouca visibilidade que teñen, ofrecen certo risco para o paso das persoas maiores.

Ademais, noutros tres lugares de paso axustaranse os pasos de peóns co obxectivo de mellorar a súa accesibilidade. Por último, e debido a que en obras anteriores foise subindo a cota do firme sen modificarse a das beirarrúas, realizarase unha escarificación da plataforma para que os itinerarios dos peóns gañen en altura.