Estás en:Novas

Margarita Ledo e Xabier Fortes inauguran a nova tempada de Referentes

ReferentesT2 estrearase este venres 29 de abril ás 12h en Facebook e Youtube cunha conversa entre Margarita Ledo e Xabier Fortes, na que abordarán temas de actualidade como o que está sucedendo en Ucraína, como se está xestionando a información de guerra ou o ascenso da ultradereita

Este programa, impulsado pola área de Cultura da Deputación, xunta a persoas de referencia da cultura galega en conversas ao redor das súas traxectorias profesionais e sobre cuestións de actualidade social e informativa

Margarita Ledo e Xabier Fortes inauguran a nova tempada de Referentes

Volve o proxecto audiovisual dixital 'Referentes', e faino da man de dúas recoñecidas personalidades do xornalismo e da comunicación: Margarita Ledo e Xabier Fortes. A conversa entre ambos, conducida pola xornalista Marga Pazos, suporá a estrea de Referentes T2. Poderá verse a través do perfil de Facebook e da canle de Youtube da área de Cultura da Deputación o venres 29 de abril a partires das 12h.

Referentes T2 contempla seis novos episodios, que sairán á luz o último venres dos meses de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro. "Volvemos convocar personalidades moi coñecidas e recoñecidas da nosa cultura para ofrecer contidos desde puntos de vista analíticos e reflexivos, e tamén desde perspectivas profesionais moi diversas" asegura o responsable da área de Cultura da Deputación, Xurxo Couto. O deputado lembra que este ciclo de conversas, que nacera o ano pasado ao abeiro do contexto de restricións por mor da pandemia, ten continuidade por "terse revelado como un formato exitoso e con demanda na rede, posto que non hai moitos espazos similares que ofrezan este tipo de contidos, nos que se pon de manifesto a capacidade transformadora da cultura".

O primeiro episodio terá como protagonistas a dúas recoñecidas personalidades galegas no mundo do xornalismo e da comunicación, como son Margarita Ledo e Xabier Fortes. Abordarán cuestións como o que está a suceder en Ucraína, como se está xestionando a información de guerra, como se xestiona o ascenso da ultradereita; así como as súas vocacións, as súas infancias e como chegaron a ser as persoas e profesionais que son a día de hoxe.

Margarita Ledo é xornalista, investigadora, cineasta e escritora en lingua galega. Foi a primeira decana da Facultade de Ciencias da Comunicación da USC, onde é Catedrática de Comunicación Audiovisual. Tamén é numeraria da Real Academia Galega e ten sido galardoada e recoñecida con importantes premios culturais, entre os que destacan o Premio Nacional da Cultura Galega e o Premio Otero Pedrayo. O seu último filme 'Nación' aborda a loita das mulleres traballadoras da fábrica de porcelana 'Pontesa'.

Xabier Fortes é xornalista e coñecido presentador de programas informativos de televisión. Na actualidade presenta 'La noche en 24 horas' de TVE, tras unha longa carreira en diferentes franxas horarias. É unha referencia no ámbito da comunicación e do xornalismo polo seu compromiso e ética profesional. Como documentalista ten dirixido unha ducia de documentais de carácter deportivo, social e histórico. O último leva por título 'Galicia no espello do tempo' e aborda as catro últimas décadas da historia de Galiza.

Convén lembrar que a primeira tempada de Referentes fora inaugurada, em marzo de 2021, cunha conversa entre a música de sona mundial Mercedes Peón e a chef compostelá "estrela Michelín" Lucía Freitas, á que lle seguiron a escritora Berta Dávila en conversa co cineasta Alfonso Zarauza, a cantante Fátima Pego co escritor Manuel Rivas, a actriz Melania Cruz coa zoqueira Elena Ferro, e a cantante de Mounqup, Camille Hedouin con Xosé Manuel Piñeiro 'Superpiñeiro'.