Turismo da Deputación promove un proxecto singular turístico sobre a Depresión Meridiana
O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o alcalde de Ames, Blas García, acordaron nunha xuntanza de traballo esta mañá constituír as mesas de traballo para botar a andar este novo proxecto provincial.
Na mesma xuntanza deuse luz verde á área de autocaravanas que se habilitará en Bertamiráns, co financiamento da Deputación, e que se espera que estea operativa este verán
O vicepresidente e responsable provincial de Turismo, Xosé Regueira, anunciou esta mañá no Concello de Ames que a Deputación está iniciando a posta en marcha dun novo proxecto singular turístico ao redor da Depresión Meridiana. Esta proposta, que involucra a varios concellos da provincia, foi o principal punto de traballo da xuntanza mantida esta mañá entre Xosé Regueira e o alcalde de Ames, Blas García, e na que tamén participaron o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas, o tenente de alcalde de Ames, David Santomil, e o concelleiro de Turismo, Manuel Lens, entre outros concelleiros e concelleiras do goberno municipal.
"Este novo proxecto parte dun accidente xeolóxico único e que serviu para configurar territorio, para configurar cultura e para configurar paisaxe e a partir do que queremos deseñar nos vindeiros anos produtos turísticos de calidade que sexan positivos a poboación xeral, para a poboación residente, para os sectores económicos e tamén para o turismo" asegurou Xosé Regueira tras a xuntanza. Pola súa banda o alcalde, Blas García asegurou que "se trata dunha moi boa oportunidade para poñer en valor esta singularidade do noso territorio" e amosou a súa disposición para poñelo en marcha.
Na xuntanza desta mañá tomouse a decisión de crear dúas mesas de traballo, unha conformada por responsables políticos dos concellos involucrados – Carballo, Val do Dubra, Ames, e Padrón- e outra de perfil técnico. Ademais tamén se apuntou a posibilidade de acadar a colaboración da Xunta e da Deputación de Pontevedra e converter o proxecto nunha iniciativa de carácter galego, posto que tamén afecta aos concellos de Pontecesures, Caldas de Reis, Pontevedra, Redondela, Porriño e Tui.
Nova área de autocaravanas en Bertamiráns
Outro punto de interese na xuntanza foi a nova área de autocaravanas que se habilitará en Bertamiráns, no lugar das Pateiras, e que será financiada polo departamento provincial de Turismo. Trátase dunha nova área que dará servizo a unha vintena de autocaravanas e que se espera que estea operativa este verán.
Neste punto, Blas García indicou que "a creación da nova zona de autocaravanas permítenos trasladar a que temos agora en Bertamiráns e que ten dificultades de acceso". Tamén asegurou que, grazas á axuda da Deputación "teremos dúas áreas, xunto coa do Milladoiro, e poderemos dar servizo aos Camiños que pasan polo noso Concello, nunha aposta clara pola promoción do turismo, e sobre todo do turismo de interior e ecolóxico."
Xosé Regueira tamén salientou a importancia do Concello de Ames "como un dos epicentros" do Camiño de Santiago e que "como tal tamén soporta situacións a nivel turístico que precisan ser atendidas". "A área de autocaravanas de Bertamiráns vaille servir á Deputación para avanzar nun problema que é froito da pandemia, que é a expansión do turismo de autocaravanas" asegurou, e engadiu que "esta será a primeira que financiamos desde Turismo da Deputación e tamén nos vai servir como proxecto piloto para crear unha rede provincial de áreas de autocaravanas".