Estás en:Novas

A Deputación inviste 1,7 millóns para mellorar a seguridade na rede de estradas provincial en Boimorto, Cabana, Cedeira e Sobrado

O pleno da institución provincial deu luz verde á achega, que proxectará preto de 2 quilómetros de sendas peonís na DP-1002 (Boimorto) e na DP-1406 (Cabana de Bergantiños)

Contémplanse tamén actuacións de mellora do firme na DP-8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado, e a eliminación dunha curva con visibilidade reducida no Rego de Tide, en Cedeira

A Deputación inviste 1,7 millóns para mellorar a seguridade na rede de estradas provincial en Boimorto, Cabana, Cedeira e Sobrado

O pleno da Deputación da Coruña aprobou por unanimidade na sesión de hoxe un investimento de máis de 1,7 millóns de euros para mellorar a seguridade viaria ao longo de máis de 5 quilómetros de estradas provinciais.

As tarefas que se van executar permitirán crear case 2 quilómetros de sendas peonís na DP-1002 e a DP-1406 nos concellos de Boimorto e Cabana de Bergantiños, renovar o  firme na DP-8001 de Cruces a Penablanca (Sobrado) e eliminar unha curva perigosa na DP-2206 ao seu paso por Cedeira.

Con estas medidas, o ente provincial segue coa súa aposta pola mellora de servizos na rede de estradas provincial, co máximo obxectivo de ofrecer unhas infraestruturas seguras e adaptadas ás necesidades actuais da poboación da provincia.

Novos espazos para as persoas

Dúas das actuacións permitirán configurar dúas sendas peonís, incrementando de forma notable a seguridade viaria en espazos que anteriormente non contaban cunha zona para a circulación de peóns e peoas.

Así pois, a Deputación aprobou no pleno un investimento de 802.384 euros para crear unha senda de 1,2 quilómetros na estrada DP-1406 de Neaño ao Allo por Cesullas, no concello de Cabana de Bergantiños. Os traballos permitirán dotar a vía dun itinerario de dous metros de ancho. Un camiño que se proxectará na marxe dereita ao longo de 1.220 metros.

As obras que se van realizar nesta plataforma tamén contemplan a súa ampliación ata conseguir dous carrís de tres metros e medio e beiravías de medio metro. Nos puntos nos que se executen muros de dique, a beiravía na marxe esquerda terá un ancho dun metro. Para completar as tarefas, substituirase a drenaxe existente para ofrecer unhas mellores características hidráulicas. O proxecto tamén instalará sinalización vertical, horizontal e balizamento, así como resaltes e ollos de gato.

Dentro das iniciativas para crear sendas, o ente provincial tamén deu luz verde á construción dunha ruta peonil de 700 metros na DP-1002 ao seu paso pola zona da residencia de persoas maiores de Boimorto. A Deputación destinará un investimento de 306.856 euros para realizar os traballos, que permitirán ampliar a calzada dos case cinco metros de ancho actuais aos seis e medio, contando con dous carrís de tres metros. A senda terá dous metros de ancho e discorrerá pola marxe esquerda da plataforma, desde o punto quilométrico 1+380 ata a conexión coa AC-234, prolongándose deste xeito o tramo de beirarrúa existente na mesma marxe.

Para executar a senda peonil, a Deputación levará a cabo a explanación da marxe esquerda. O pavimento desta será de formigón en masa coloreado. Os traballos tamén dotarán a estrada dunha capa de reforzo de firme con mestura asfáltica en quente.

Eliminación dunha curva perigosa na DP-2206 en Rego de Tide, Cedeira

O ente provincial destinará 350.305 euros á mellora puntual do trazado da DP-2206 en Rego de Tide, no concello de Cedeira. Esta zona conta na actualidade cunha curva que impide unha boa visibilidade e que estreita a plataforma da vía, o que pon en risco a seguridade dos vehículos que circulan pola estrada.

A mellora proxectada eliminará esta curva, ampliará a sección da plataforma e mellorará de forma substancial a visibilidade, incrementando así a seguridade viaria na contorna. O novo trazado implica a construción dun terraplén e dunha obra de drenaxe transversal en marco de formigón armado para dar continuidade a un regato. Para levar a cabo a proposta serán necesarias as expropiacións de terreos.

Mellora do firme na DP-8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado

Dentro da aposta pola mellora da seguridade na rede de estradas provincial, a Deputación dirixirá 316.973 euros para mellorar o firme na DP-8001 de Cruces a Penablanca, en Sobrado.

As tarefas consistirán en reparacións localizadas ao longo de tres quilómetros mediante mestura asfáltica en quente. Ademais, con posterioridade, sinalizarase o tramo de actuación, dotando á estrada de marcas viais con pintura acrílica para conformar tanto o eixo como as bandas laterais da plataforma.