Estás en:Novas

Formoso destaca que a Cidade das TIC converterá á Coruña nunha “referencia nacional en tecnoloxía e ciencia”

O presidente da Deputación da Coruña asistiu ao inicio das obras nas instalacións, onde estivo acompañado pola alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, o reitor da UDC, Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral

Destacou "a aposta conxunta" das administracións por un proxecto estratéxico para o futuro, cun enorme potencial de crecemento en Galicia

Formoso destaca que a Cidade das TIC converterá á Coruña nunha “referencia nacional en tecnoloxía e ciencia”

O presidente destacou

Valentín González Formoso asistiu esta mañá ao inicio das obras na Cidade das TIC na Coruña. O presidente da Deputación destacou na súa intervención a aposta conxunta de todas as administracións implicadas para que o proxecto sexa unha realidade e se converta en "referencia na tecnoloxía e na ciencia, que constitúen aquela parte da economía que dá soporte a todas as demais".

Ademais de Formoso, no encontro estiveron a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde, e o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral.

González Formoso sinalou que se trata "dunha aposta visionaria de Julio Abalde que nos permite que este espazo teña unha vida, que continúe sendo un centro de produción laboral, neste caso tecnolóxico, adaptándose aos novos tempos, e que dea soporte aos sectores tradicionais da economía galega".

O presidente provincial agradeceu o compromiso do Goberno de España e do Ministerio de Defensa, "que tivo suficiente visión e compromiso coa cidade para que isto non sexa un espazo abandonado máis nun lugar neurálxico e estratéxico". Formoso tamén amosou o seu agradecemento a Francisco Conde "polo impulso económico a un proxecto motor da tecnoloxía en Galicia" e á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, por aproveitar unha oportunidade para que a cidade "ademais de ser referencia no ámbito loxístico mariño, na industria pesada, no coñecemento universitario e no tratamento sanitario, sexa referencia naquela parte da economía que da soporte a todas as demais, como é a tecnoloxía e a ciencia"