A Deputación permitirá aos concellos usar 42 millóns do Plan Único para asumir o sobrecuste das obras debido á alza de prezos de combustibles e materiais
Valentín González Formoso anuncia no Foro de Apecco que a Deputación tamén habilitará unha partida económica para as obras propias, co obxectivo de evitar que a escalada de prezos acabe paralizando as obras públicas e afectando ao emprego e a recuperación económica
O presidente de Apecco, Diego Vázquez, afirma que o sector acolle con satisfacción unha medida que definiu como "pioneira na administración local"
Formoso destaca o "investimento histórico" da Deputación en obra pública, con 3.500 obras aprobadas no último lustro que fan da Deputación "o maior axente investidor da provincia"
A Deputación será a primeira administración de Galicia en habilitar unha oficina para a xestión de fondos Next Generation
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, protagonizou esta mañá o almorzo informativo do foro "Horizonte do sector: afrontando novos retos" organizado pola Asociación Provincial de Empresarios da Construción (Apecco).
No encontro, Formoso destacou "o investimento histórico" da administración provincial en obra pública, con 3.500 obras aprobadas no último lustro, que fan da Deputación o maior axente investidor da provincia.
Aínda, así dixo ser consciente da difícil situación que atravesa "un sector estratéxico, que representa o 6,5 % do PIB galego e sostén preto de 78.000 empregos" debido á alza de prezos de combustibles e materiais de construción, como consecuencia da pandemia e da guerra de Ucraína, que propiciou incrementos de entorno ao 30% na custe das obras.
Para axudar a solucionar este problema, Formoso anunciou que a Deputación "acordará este mes permitir que os municipios da provincia poidan destinar ata 42 millóns de euros dos fondos do Plan Único para dedicalos a esa obriga legal de actualizar os prezos das obras públicas en licitación ou adxudicadas desde o 2021 ao 2023".
Ademais, segundo indicou Formoso, a Deputación da Coruña tamén habilitará unha partida económica para as obras propias, como as da rede provincial de estradas, todo isto "co obxectivo de evitar que a escalada de prezos acabe paralizando as obras públicas e afectando ao emprego e a recuperación económica".
"O sector da construción está chamado a ter un papel protagonista no proceso de recuperación no que nos atopamos inmersos", apuntou o presidente, que considerou que "é a nosa responsabilidade como administración pública traballar para buscar solucións a esta problemática".
O presidente de Apecco, Diego Vázquez Reino, agradeceu e amosou a satisfacción ante a medida anunciada por Formoso. "Que haxa este compromiso por parte da Deputación é unha moi boa nova para os compañeiros do sector". Vázquez subliñou que "medidas coma esta van ser pioneiras", indicando que non viu outra parecida a esta na administración local.
Durante o coloquio, o presidente agradeceu á directiva de Apecco "que teña a sensibilidade e estea en contacto permanente con nós para informarnos de como está o sector".
Un investimento histórico que permitiu aprobar 3.500 obras en cinco anos
A Deputación da Coruña consolídase como motor económico da provincia cun investimento de case 100 millóns de euros anuais a través do Plan Único, o maior plan de obras das catro deputacións galegas e un dos máis importantes a nivel nacional.
Formoso lembrou que, cando chegou ao Goberno, o plan de obras da Deputación era de 24,5 millóns anuais, unha cifra que se multiplicou por catro coa creación do Plan Único, no que a Deputación coruñesa foi pioneira.
A través deste lévanse a cabo obras e servizos que melloran o benestar social da poboación dos 93 concellos que conforman a provincia coruñesa. Un orzamento que tamén contribúe a reactivar a economía e a xerar emprego.
Nos últimos cinco anos, o Plan Único permitiu a execución de 3.047 obras, mentres que foron 400 as actuacións realizadas ao longo dos 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas. Un esforzo investidor sen precedentes que se reforzou durante a pandemia e continúa hoxe en día 54 novas obras activas en fase de contratación e 20 máis previstas para os próximos meses por unha contía global de 31 millóns de euros.
A primeira administración galega en crear unha oficina para captar fondos Next Generation
Formoso subliñou tamén a "oportunidade histórica" dos fondos Next generation para a recuperación da economía. O presidente lembrou que Galicia recibirá 230 millóns de euros para executar actuacións en rehabilitación de vivendas en barrios a través dos fondos Next Generation. Sendo consciente da importancia destas achegas, o goberno provincial convértese na primeira administración galega en crear unha oficina dedicada á súa captación e xestión.
A oficina Next Deputación, situada no Concello da Capela, dá apoio técnico aos concellos na captación e xestión dos fondos. Unha proposta especialmente importante nos pequenos municipios, que contan con menos recursos técnicos, económicos e humanos, e que polo tanto teñen máis dificultades para presentarse ás convocatorias.
A situación da oficina é estratéxica na provincia e busca o desenvolvemento do rural, non sendo habitual que centros destas características se sitúen fóra das grandes cidades ou das súas áreas.