Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Betanzos reclaman que a Xunta se implique na recuperación do Pasatempo

Valentín González Formoso lembrou que Xunta, que ten as competencias en conservación do patrimonio, non colabora na recuperación do parque enciclopédico máis emblemático da provincia e reclama ao novo executivo de Rueda máis implicación

O presidente avaliou, acompañado da alcaldesa do municipio, María Barral, a evolución das obras de rehabilitación que se están a executar na zona do estanque do parque enciclopédico

As actuacións que se están a executar, cun investimento de medio millón de euros, renovarán o estanque do Retiro e o seu templete

A Deputación e o Concello de Betanzos reclaman que a Xunta se implique na recuperación do Pasatempo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e a alcaldesa do Concello de Betanzos, María Barral, supervisaron esta mañá as obras de rehabilitación do parque enciclopédico do Pasatempo, nas que o ente provincial e o Concello invisten 525.000 euros, pero que non contan con colaboración da administración autonómica.

Tanto Formoso como Barral coincidiron en demandar a Xunta que se implique na recuperación deste singular espazo.

Valentín González Formoso reclamou "un pouco de dignidade á Xunta, á Consellería de Cultura e ao novo presidente da Xunta con este elemento tan singular na provincia". O presidente provincial indicou que "non pode ser que quen ten as competencias en recuperación do patrimonio histórico, quen ten os fondos orzamentarios, non apareza por aquí e deixe de lado aos betanceiros e betanceiras".

Sumando as diferentes achegas das institucións implicadas, Barral sinalou que o Pasatempo "vai recibir un millón e medio e con iso abordaremos outras fases importantes e urxentes, pero non é suficiente, con iso chegariamos en torno ao 60%". A rexedora fixo referencia á necesidade de que a Xunta colabore para poder actuar na totalidade do parque.

"Aquí esperamos a implicación da administración pública que falta, a Xunta, que é ademais a que ten competencias e que, en boca do entón presidente en febreiro do 2019, anunciou en Betanzos un compromiso ineludible, pero que ata o de agora foi cero", afirmou Barral.

Recuperar o estanque do Retiro

Estes primeiros traballos, en fase de execución, permitirán recuperar os case 700 metros cadrados da zona do estanque do Retiro, seriamente danada tras un derrubamento hai dous anos. González Formoso e Barral expresaron a súa satisfacción polo inicio das actuacións, froito da colaboración da Deputación e o Concello, e reclamaron á Xunta de Galicia "que asuma as súas competencias en materia de recuperación do patrimonio histórico".

Na visita, o presidente provincial celebrou que "o proxecto de recuperación comeza a ser unha realidade, estase recuperando o Pasatempo". Formoso indicou que a primeira visita á zona fíxose "atendendo á chamada de auxilio do Concello e a alcaldesa, que pedía sensibilización e actuacións inmediatas por parte das administracións". O dirixente sinalou que pese a que a Deputación non ten as competencias, sempre "tivemos a intención de achegar fondos para recuperar e garantir a supervivencia dun elemento de interese cultural tan singular, que mostra o carácter internacionalista e solidario dun pobo como Betanzos".

Na súa intervención reafirmou o compromiso provincial e sinalou que a Deputación achegará máis fondos para seguir contribuíndo coa recuperación deste elemento, "do que estamos moi orgullosos na provincia"

Pola súa banda, a alcaldesa do municipio, María Barral, sinalou que "o cambio xa é visible e palpable" e informou que "tivemos hai meses a confirmación doutra axuda por parte do Goberno de Estado para entrar neses fondos europeos do plan nacional xacobeo 21-23".

Traballos de recuperación no estanque do Retiro

As obras permitirán a recuperación dos elementos máis deteriorados do parque debido á súa antigüidade e ao efecto da auga: o Estanque do Retiro e o seu templete, un espazos máis representativos do Pasatempo, que precisa dunha actuación urxente para evitar a súa destrución, segundo explicou o arquitecto Xan Casabella, que apuntou que incluirá a recuperación de todos os elementos escultóricos, pictóricos e arquitectónicos desta área. Os traballos acometeranse ao longo de ano e medio, xa que se trata dun traballo que "ten moita complexidade, moi artesán".

O estanque do Retiro conta con case 700 metros cadrados e está escavado a 5 metros de profundidade. No seu centro sitúase un templete de inspiración oriental, que conta cunha ornamentación única na que destacan elementos tan eclécticos e representativos coma a Torre de Hércules, imaxes de indios remando e mulleres baleirando os seus cántaros.

Ademais de evitar a perda dos elementos, as obras pretenden recuperar este espazo e garantir a súa seguridade para que poida ser visitable e un punto de inflexión para a recuperación do resto de elementos únicos do parque.