Estás en:Novas

A Deputación arrinca en Vimianzo o seu programa piloto para paliar a soidade non desexada nas persoas maiores

Ana Lamas, deputada de Benestar Social, participou onte nunha xuntanza na que se expuxeron os puntos principais deste plan xunto á alcaldesa, Mónica Rodríguez

A Deputación arrinca en Vimianzo o seu programa piloto para paliar a soidade non desexada nas persoas maiores

A Deputación da Coruña puxo en marcha onte en Vimianzo, na Sala de Conferencias da Casa da Cultura, a súa gran aposta para paliar a soidade non desexada nas persoas maiores.

Ana Lamas, deputada de Benestar Social, expuxo os puntos fundamentais deste plan xunto á alcaldesa, Mónica Rodríguez, a concelleira de Benestar Social, María José Pose; Sandra Abeijón, técnica de Servizos Sociais do Concello e Manuel Joaquín Pérez, presidente de Nova Works Consulting S. Coop. Galega. Déronse cita tamén axentes, tanto da Policía Local como da Garda Civil.

Este traballo está ideado para municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia, enmarcado no Marco Estratéxico do Plan de Acción de Servizos Sociais provincial. O obxectivo é dotar a Deputación dun modelo de intervención contra a soidade non desexada no marco da Rede de Concellos para o Benestar a través da colaboración cos actores locais, e da xeración de espazos de encontro e reflexión conxunta, tendo en conta o contexto, a realidade e circunstancias locais nas que se vai desenvolver a política de loita contra a soidade.

Neste proxecto, identificaranse e categorizaranse os diferentes actores locais que prestan os servizos, ademais de reseñar os diferentes perfís de persoas maiores que están soas. Posteriormente, analizarase a "desconexión", de existir, entre a oferta de servizos e programas nestes lugares e as potenciais persoas usuarias, identificando os posibles factores que inflúen nela como poden ser: a idoneidade dos programas en función dos perfís aos que se dirixen os servizos ou actividades, os sistemas de difusión empregados, ou o grao de participación das persoas ás que vai dirixido o servizo ou actividade.

Unha vez rematada a análise previa, chegará o momento de elaborar unha proposta de intervención local, en colaboración e consensuada cos actores locais, que dea resposta aos "baleiros" identificados ao tempo que reforce e consolide as experiencias que se estean desenvolvendo.

Finalmente, o obxectivo é sistematizar esta proposta de intervención a xeito de metodoloxía definitiva coa que contará a Deputación da Coruña para transferir aos restantes Concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia.

Para a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, este tipo de programas son "de especial relevancia" nunha sociedade galega na que "temos comprobado que se incrementan os episodios de soidade en persoas maiores".

"Se algo nos trouxo a pandemia foi precisamente a necesidade de que existan este tipo de servizos. Para nós é estratéxico e imos un paso máis aló; o coidado dos nosos maiores está no punto número 1 da política de acción desde a área de Benestar Social", destacou.

Pola súa banda, a alcaldesa, Mónica Rodríguez, destacou o "prolífico traballo que desempeña a Deputación no eido dos Servizos Sociais, especialmente desde a área de Benestar Social", e subliña que "hoxe máis ca nunca é indispensable impulsar políticas públicas de cara a protexer aos nosos maiores".