Estás en:Novas

A Deputación colabora coa Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo para lembrar aos asasinados na Guerra Civil

O ente provincial apoia a entidade cunha achega de 10.000 euros

A deputada de Educación, Sandra González, sinala que se trata dun acto "de memoria democrática e dignificación desas persoas que deixaron a vida por defender a liberdade e uns ideais".

A Deputación colabora coa Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo para lembrar aos asasinados na Guerra Civil

A deputada de Educación, Sandra González, asistiu esta mañá en Aranga ao acto de inhumación das persoas asasinadas durante a Guerra Civil española exhumadas no cemiterio de Vilarraso en 2018. Un acto de xustiza e dignificación das vítimas organizado pola Asociación pola Recuperación dos Desaparecidos no Franquismo (ARDF) coa colaboración da Deputación. Durante a súa intervención, a deputada sinalou que se trata dun acto de "memoria democrática e dignificación desas persoas que deixaron a vida por defender a liberade e uns ideais".
No encontro participaron o presidente da ARDF, Santiago Carcas, o vicepresidente, Roberto Mouriz, e a secretaria xeral, Ángela Piñeiro, e nel realizouse unha lectura de poemas creados para a ocasión por esta entidade. Entre eles tamén se leron os textos de Helena Villar Janeiro. Así mesmo, conmemorouse a xornada coa colocación de flores formando a bandeira republicana e a música dos gaiteiros Os Valuros.
No ano 2018 a ARDF iniciou o proceso de exhumación das vítimas do franquismo atopadas nunha fosa común neste cemiterio, un dos maiores enterramentos do franquismo en Galicia. Nel atopábanse Ovidio Villar Fernández, Rudesindo Fernández Vilor, Florentino Rodríguez Palacios, Daniel Fernández López, José González Ledo, Cesáreo Méndez Vázquez, Antonio López Lugo San Marzo, Domingo Antonio Valcárcel Guitián, Manuel Lafuente Lilles, Mercedes Romero Abella, Juan Pérez Rey, P.G. (iniciais na camisa), Benito Díaz Pereira, Francisco Amedo Parente, Senén Vázquez Vázquez e 16 persoas que aínda non foron identificadas, que foron asasinadas durante o ano 1936.
A Deputación colaborou nos actos de dignificación e inhumación que se realizan hoxe neste acto no cemiterio en memoria dos desaparecidos durante a Guerra Civil.