Estás en:Novas

A Deputación financia con 100.000 euros o mantemento da Fundación e o Museo da Construción Naval de Ferrol

Valentín González Formoso e o almirante do arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos, Asinaron o acordo mediante o que o ente provincial subvenciona o 80% dos gastos

O presidente da Deputación subliñou o compromiso provincial con achegas tan importantes coma esta "para manter un centro que é referencia no eido e importante recurso turístico para Ferrolterra"

A Deputación financia con 100.000 euros o mantemento da Fundación e o Museo da Construción Naval de Ferrol

A Deputación da Coruña achega 100.000 euros para financiar os gastos de funcionamento da Fundación e o Museo da Construción Naval de Ferrol (Exponav) de marzo a decembro de 2022.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o almirante do arsenal de Ferrol, Ignacio Frutos, asinaron o convenio mediante o cal o ente provincial financia o 80% do orzamento dedicado a este fin.

O museo situado no edificio de Herrerías é único en España nas súas características, dedicado a divulgar a importancia social e económica que a actividade da construción naval ten e tivo ao longo da historia para a comarca ferrolá, e que dispón dun fondo documental único na súa categoría.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou na sinatura do convenio a aposta e compromiso da Deputación a través das achegas "realizadas nos últimos anos para manter un centro de referencia no eido naval e un importante recurso turístico para Ferrolterra, con ampla tradición na construción naval".

A achega provincial permitirá financiar servizos de mantemento e limpeza nas instalacións, obradoiros vacacionais, contratación de persoal e visitas de balde para grupos, familias ou centros educativos. Dentro das actividades de mantemento previstas para o museo, tamén se encontran accións de rehabilitación da fachada sur do edificio e a reparación e remodelación do espazo de venda de entradas e atención ao público.

Así mesmo, subvencionarase o redeseño dos paneis que conforman na sala Carlos III o soporte da maior parte das exposicións e actividades que se desenvolven no museo. Para poder adecualos á realidade artística, renovaranse os que estean deteriorados.