Estás en:Novas

A Deputación traballa en fórmulas de inclusión dixital para facer a administración máis accesible ás persoas maiores

A deputada Ana Lamas reuniuse coa plataforma de pensionistas de Cigarreras e Tabaqueros, que demanda medidas para que as entidades bancarias melloren a atención aos maiores

A Deputación traballa en fórmulas de inclusión dixital para  facer a administración máis accesible ás persoas maiores

A Deputación da Coruña traballa en fórmulas de inclusión dixital para facer a administración máis accesible ás persoas maiores.

Ademais dalgunhas medidas que xa están en funcionamento, como  o acordo con Correos para facilitar o pagamento de tributos en calquera municipio da provincia a través da súa rede de oficinas ou dos carteiros, o goberno provincial traballa nunha serie de fórmulas que faciliten que a cidadanía poida realizar os seus trámites administrativos coa administración electrónica de forma sinxela, mediante a creación de puntos de inclusión dixital nos que se axude ás persoas a realizar trámites en liña  ou reforzando a atención presencial á cidadanía.

Así o explicou a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, tras reunirse na sede da Deputación coa plataforma de pensionistas de cigarreiras e tabaqueiros, que demanda medidas contra a exclusión financeira das persoas maiores.

O colectivo considera que o peche continuo de oficinas bancarias, a falta de atención personalizada, a redución de horarios de atención ao público e a implementación de servizos exclusivamente electrónicos dificultan cada vez máis o acceso das persoas maiores aos bancos, unha situación que se agrava aínda máis mo ámbito rural.

Neste sentido, demandan un decálogo de medidas entre as que destacan garantir a atención personalizada e a posibilidade de obter cartos en efectivo, que se eliminen os importes mínimos e as comisións para retirada de cartos no portelo, a gratuidade das contas bancarias dos pensionistas, axuda persoal aos clientes maiores para o manexo da tecnoloxía e que os caixeiros se sitúen en zonas interiores das oficinas bancarias por seguridade.

Ana Lamas comprometeuse a trasladar as súas propostas aos diferentes grupos políticos da Deputación e levalas ao pleno provincial en forma dunha moción ou declaración institucional para mostrar o apoio da institución "a unhas demandas que teñen todo o sentido do mundo".

Neste sentido, afirmou que a Deputación é sensible a este tema e traballa tamén na implementación de medidas para facer a administración pública máis accesible a toda a cidadanía e a todos os concellos da provincia.