Estás en:Novas

Ames acolle a mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo do centro Europe Direct da Deputación da Coruña

Ao acto de inauguración acudiron o deputado provincial, Antonio Leira e o alcalde de Ames, Blas García

Ames acolle a mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo do centro Europe Direct da Deputación da Coruña

Esta mañá inaugurouse no Milladoiro (Ames) a mostra itinerante sobre o Pacto Verde Europeo do centro EUROPE DIRECT da Deputación da Coruña. A devandita exposición pode visitarse na Travesía do Porto. A cidadanía pode achegarse de forma sinxela e didáctica aos obxectivos, retos e medidas climáticas e medioambientais que establece a Unión Europea para as vindeiras décadas. Tras a inauguración, á que acudiu o deputado provincial, Antonio Leira, o alcalde de Ames, Blas García, e máis o concelleiro de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente, Manuel Lens, houbo unha performance a cargo de Pista 4 e unha actuación do colectivo Euterpe. Ao dito acto acudiu un grupo de alumnas/os, o director e profesorado do IES do Milladoiro.

A concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Ambiente do Concello de Ames foi a encargada de xestionar esta actividade coa Deputación da Coruña. A exposición dá a coñecer os obxectivos da Comisión Europea en materia ambiental para os vindeiros anos. O Pacto Verde Europeo é a folla de ruta da Unión Europea para transformar a súa economía nas vindeiras décadas e avanzar cara un sistema sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos. O obxectivo final é acadar a neutralidade climática no ano 2050.

O acto de presentación da mostra contou coa participación dun grupo de alumnado do IES do Milladoiro. Tamén acudiu o director do instituto, Francisco José Otero Iglesias, a profesora de lingua e literatura galega, Valentina Formoso, e máis o profesor de música deste centro, Manolo Maseda. Tras a intervención das autoridades, o grupo Pista 4 realizou unha performance e pechouse o acto cunha actuación do colectivo Euterpe formado por Eloi Zabala, María Iglesias, Dora Iglesias e Erik Cadavid.

Ames aposta polas enerxías verdes

Antonio Leira, deputado provincial, mostrou a súa satisfacción "por poder amosar esta pequena pero valiosa exposición, e por darnos a ocasión de facelo nun concello que aposta polo medio ambiente, como xa quedou demostrado. Esta exposición pretende amosar unha realidade que temos moi presente. Debemos apostar polas enerxías renovables, pero con sentido, ordenadas, non de calquera xeito nin en calquera lugar. Con esta exposición, achegámonos a un futuro que todas e todos perseguimos. É a nosa obriga loitar por unha sociedade mellor, máis limpa e máis humana, e ese é o gran reto e o sentir desta exposición".

O alcalde de Ames, Blas García, destacou "quero empezar felicitando á comunidade educativa do IES do Milladoiro polo traballo que levades facendo durante os últimos anos, que deu como froito que a semana pasada un grupo deste centro gañase o Club de Debate e outro máis fora finalista, e sen esquecer outras actividades relacionadas co medio que facedes, como plantacións de árbores e saídas. Este é o presente, o traballo que facedes e que nós tratamos de facer no tema do medio ambiente e da sostibilidade. Dende que chegamos ao Goberno tratamos de traballar con enerxías renovables, xa sexa co cambio do alumeado público, ou os cursos para persoas desempregadas. Estamos formando no sector das enerxías renovables, un emprego moi importante. Queremos que o Concello de Ames sexa un centro de referencia formativa en enerxías renovables, e estamos traballando coa Xunta para que esta posibilidade frutifique".

"Tamén son moi importantes os traballos que se están facendo dende a área de mobilidade. A mobilidade sostible é fundamental hoxe en día, non é futuro, é presente. Estamos traballando por humanizar O Milladoiro, que sexa un núcleo máis apetecible para vivir e transitar. Debemos quitar moitos vehículos que pasan pola avenida Rosalía de Castro e niso traballamos. Recentemente o concelleiro de Urbanismo máis eu estivemos nunha xuntanza na que puidemos ver os avances no proxecto. Que leve carril bici, que fomente o uso da bicicleta ou dos patinetes eléctricos, ese é o presente".