Estás en:Novas

González Formoso confirma o apoio da Deputación para a ampliación da sede da Asociación Íntegro

O presidente provincial visitou hoxe en Cabana de Bergantiños o centro da entidade, coa que a Deputación mantén unha estreita colaboración

A actuación consistirá na creación dun novo volume de 110 metros cadrados para ampliar a aula ocupacional, a cociña e os vestiarios e aseos femininos e masculinos

Formoso tamén se achegou ata as obras de mellora da ruta fluvial do Rego dos Muíños, financiadas a través do Plan Único

González Formoso confirma o apoio da Deputación para a ampliación da sede da Asociación Íntegro

Valentín González Formoso visitou hoxe a sede da Asociación Íntegro, en Cabana de Bergantiños, e alí confirmou o apoio económico da Deputación da Coruña para as obras de ampliación do centro que se levarán a cabo proximamente.

O presidente provincial, acompañado do alcalde da localidade, José Muíño, e do presidente da entidade, Adolfo López Baña, realizou unha visita ás instalacións que Íntegro ten en Nantón, onde presta apoio ás persoas con diversidade funcional das comarcas de Bergantiños, Terra de Soneira e Fisterra desde 1992 e coa que a Deputación mantén unha estreita colaboración.

Formoso explicou que "vimos certificar o traballo que é ben coñecido, non só en Cabana senón en toda a Costa da Morte, que fai esta asociación coa que a Deputación leva moitos anos colaborando, achegando recursos económicos e capacidades para que poidan ir materializando, pouco a pouco, non só o traballo que fan diariamente, que é enorme, atendendo a máis de 40 familias, senón tamén as ilusións e as aspiracións da asociación".

"O que fai Íntegro é subministrar calidade de vida nun sector onde a discapacidade limita pero non condiciona e dan un futuro a cada unha desas persoas que son usuarias do centro", afirmou.

Pola súa parte, Adolfo López agradeceu á Deputación "a visita e todas as axudas que ano tras ano nos están concedendo para mantemento e obras" e engadiu que "os que máis agradecidos están son os usuarios e usuarias de toda a Costa da Morte que veñen ao centro, que agora mesmo son 43 e en lista de agarda hai 5 máis". "Nós o que queremos é dar cobertura a cantas máis familias mellor porque para elas este tipo de centros é moi importante, non só para o respiro familiar senón para a inclusión laboral e social dos seus familiares", subliñou.

José Muíño quixo salientar que "Íntegro é un exemplo da colaboración entre distintas institucións e de tender pontes para axudar a esa xente máis necesitada. É moi bonito que esteamos xuntos, que colaboremos nunha forma de traballar baseada no respecto institucional".

Un novo volume de 110 metros cadrados

As obras, que se levarán a cabo proximamente e coas que colaborará economicamente a Deputación, consisten na creación dun novo volume rectangular de 110 metros cadrados ao carón da fachada principal polo seu lado máis longo.

Esta nova estancia a construír permitirá ampliar a aula ocupacional, a cociña así como o vestiario e aseos feminino e masculino. O obxectivo da actuación é responder á demanda actual, habilitando unhas instalacións axeitadas para dar un servizo de calidade.

Nos últimos anos a Deputación da Coruña colaborou con distintos proxectos, tanto de investimentos como de financiamento de programas levados a cabo pola entidade, como as obras de reparación da cuberta, creación dunha marquesiña e pintura interior, ou para a actividade diaria que se realiza no centro.

Reparación do paseo fluvial do Rego dos Muíños

Valentín González Formoso e José Muíño tamén se achegaron ata o paseo fluvial do Rego dos Muíños, onde o Concello de Cabana está a acometer unha obra de conservación, mantemento e recuperación deste itinerario peonil, financiada integramente pola Deputación a través do Plan Único cun orzamento de 107.992,50 euros.

A actuación consiste na renovación do actual trazado, feito con táboas de madeira nunha parte e lastre artificial noutra, por outra tarima de táboas de pino cuperizado cun tratamento especial por unha banda e, pola outra, a reparación da parte da senda feita a base de lastre artificial mediante a extensión do firme granular cun espesor de 10 centímetros.

Ademais, os traballos para a mellora da seguridade dos peóns inclúen a reparación das pasarelas existentes, a reposición de tubaxes de formigón, a roza a ambas marxes do río e a reposición da rocalla procedente da recuperación feita na canle.

"Dá gusto comprobar que os fondos da Deputación serven para mellorar a vida das persoas en todos os ámbitos, en servizos públicos básicos, abastecementos, saneamentos, beirarrúas, escolas infantís ou centros de maiores e tamén, como non, para poñer en valor o patrimonio natural", destacou González Formoso, que eloxiou a "maneira tan exemplar coa que se está a facer aquí, executando un paseo que che fai desfrutar da natureza, da zona dos muíños e dos regatos de Cabana".

José Muíño explicou que "este rego dos Muíños era unha ruta dentro do Camiño dos Faros moi demandada que non estaba no estado que todos queríamos e grazas á colaboración entre administracións podemos agora levar a cabo esta obra necesaria". "Hoxe en día a xente cando viaxa merca sensacións e estas son as que temos que dar para que desfruten da Costa da Morte", salientou.

Nos últimos anos o Plan Único leva investido en Cabana de Bergantiños máis de 4 millóns de euros, que se materializaron en 28 obras que van desde a reparación de estradas como as de Carballal, de Piñeiro a Igrexa, Monelos, Ures ou Canduas á reparación da Estación Depuradora de Augas Residuais do Balado.