Estás en:Novas

Cultura da Deputación selecciona os proxectos gañadores do Fondo Reino de Galiza coa mirada posta na segunda edición

"A avalancha de solicitudes recibidas e a alta calidade, unida á diversidade de enfoques e formatos, indícanos que existe un tecido cultural moi interesado en crear contidos e produtos relativos ao período medieval galego", indica o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto

Propostas escénicas, musicais, de edición e literatura, proxectos audiovisuais, animación en 3D, unha web sobre fortalezas, un cartafol de ilustracións e mesmo un estudo sobre tipografía medieval, entre os 20 proxectos seleccionados nesta primeira convocatoria

Cultura da Deputación selecciona os  proxectos gañadores do Fondo Reino de Galiza coa mirada posta na segunda edición

"Contribuír á socialización do coñecemento e do interese pola historia, as figuras, os lugares e os momentos do Reino medieval de Galiza", así definía Xurxo Couto o obxectivo do 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22' convocado pola área de Cultura da Deputación da Coruña o pasado mes de xaneiro. Unha convocatoria que superou o centenar de solicitudes, recibíronse concretamente 127, que foron avaliadas por unha comisión de valoración que estivo composta por Uxío Novo Rey, María do Carme Galego Marante e Ramón Vicente Yzquierdo, e presidida polo deputado de Cultura, Xurxo Couto.

"A avalancha de solicitudes recibidas e a alta calidade, unida á diversidade de enfoques e formatos, indícanos que existe un tecido cultural moi interesado en crear contidos e produtos relativos ao período medieval galego" asegurou Xurxo Couto tras a xuntanza de valoración. O deputado xa indicara cando se pechara o prazo para concorrer que "ante o número de solicitudes recibidas non podemos máis que cualificar como extraordinaria a acollida desta convocatoria que, ademais de ser pioneira no país, evidencia un gran interese en desenvolver iniciativas relacionadas coa nosa historia medieval", e tras constatar a calidade das propostas avanza que "estamos xa coa mirada posta nunha segunda edición, que contemplaremos no orzamento do vindeiro exercicio".

Ademais da calidade, outra das características que se buscaba nesta convocatoria era a diversidade de formatos e disciplinas para chegar a un abano de públicos o máis amplo posible. Neste sentido cabe destacar que os 20 proxectos seleccionados inclúen propostas escénicas, musicais, de edición e literatura, proxectos audiovisuais, animación en 3D, unha web sobre fortalezas, un cartafol de ilustracións e mesmo un estudo sobre tipografía medieval.

Convén lembrar que o 'Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza 2021-22' contou cun orzamento total de 250.000 euros destinado a proxectos en todo tipo de soportes e formatos. A convocatoria estaba especificamente destinada a empresas e persoas autónomas e de todas as propostas presentadas, seleccionáronse un total de 20 proxectos que recibirán unha contía máxima de 12.500 euros cada un.

Proxectos seleccionados
1. Crónicas dunha desmemoria. Proxecto presentado por O Cable Inglés, Sociedade Cooperativa Galega. Trátase dun proxecto de divulgación en formato audiovisual e de difusión dixital, onde a bookstagrammer Irene Pérez (@surfeandolibros) protagonizará unha colección de pílulas de vídeo (12 pezas audiovisuais) nas que se debullarán os principais capítulos e personaxes do Reino Medieval de Galicia. Abordarase a importancia que acadou o reino suevo abranguendo un territorio que desbordaba, coa amplitude, a Galicia actual, estendéndose por Asturias e Cantabria, e chegando polo sur ata o río Douro; o primeiro espertar cultural de Galicia no século V; a lírica trobadoresca en galego; as referencias a Galicia na Divina Comedia, nos Contos de Canterbury, nas sagas escandinavas ou no Cantar de Roldán; a revolución irmandiña; os episodios de rebeldía dos condes de Lemos, o mariscal Pardo de Cela e Pedro Madruga; ou a crise política do século XIV na que quedou anulada a gran nobreza condal galega. Tamén se prestará especial atención ao papel da muller: a escritora Exeria, a soldadeira María Balteira, as raíñas Sancha, Dona Urraca, Godo e Berenguela, a princesa Ximena, e a lenda da Raíña Lupa.
2. FOREGA_web de Fortalezas do Reio de Galicia. Proxecto presentado por Trivium Estratexias en Cultura e Turismo, S.L. Consiste na realización dunha páxina web sobre os Castelos e fortalezas da provincia da Coruña. O período escollido será o período de duración do Reino de Galicia, desde o Reino Suevo ata o momento de centralización administrativa realizado no contexto da división provincial de Javier de Burgos, en 1833. A web levará por nome FOREGA (acrónimo de Fortalezas do Reino de Galicia) e dará a coñecer á cidadanía de maneira didáctica as principais fortificacións tanto de época medieval como moderna na provincia da Coruña. Esta páxina virá a cubrir un baleiro existente na actualidade sobre esta cuestión en Galicia e contará con ferramentas que permitirán ao público usuario achegarse ao patrimonio fortificado dunha maneira sinxela e intuitiva: mapa interactivo, galerías fotográficas de calidade, fichas de recursos e rutas recomendadas para visitar as fortificacións. O aparato gráfico estará ademais acompañado por textos de calidade realizados por especialistas, supervisados e asesorados por un investigador medievalista.
3. A faia de Ponthus. Le Roi de la Galice. Proxecto presentado por aCentral Folque - Noente Paradise, S.L. É un proxecto literario e editorial, con capacidade de desenvolver un percurso itinerante por distintas localidades galegas, que propón a creación e publicación dunha plaquette literaria de arte sobre o rei mítico galego e a realización de eventos literarios-musicais baixo árbores senlleiras da Galiza. A creación dos textos corre da man de dúas das voces máis recoñecibles e laureadas da escena literaria galega contemporánea: Alba Cid e Estevo Creus. Cunha mirada orixinal e actualizadora do roman medieval Ponthus et la belle Sidonie, conciben a relectura como unha oportunidade para inverter as versións tradicionais do heroe, traer ás areas do presente o fondo cultural do mundo artúrico e do Reino medieval da Galiza e mesmo reinventar os "espellos de príncipes", subxénero medieval destinado á instrución de mozos nobres. As ilustracións realizadas en exclusiva para a presente edición serán obra da prestixiosa artista portuguesa Maria João Worm (Lisboa, 1966).
4. "Os reis e as raíñas da Galiza. 1.000 anos dun reino de seu". Proxecto presentado por Sermos Galiza, S.A. Contempla a edición dun coleccionabel de 34 fascículos centrados na difusión dos reis e raíñas do Reino da Galiza, 34 podcast especialmente pensados para o público xuvenil, un Banco de Datos sobre o Reino da Galiza dispoñíbel na edición dixital de Nós Diario, e a elaboración e deseño de 8 rotas culturais e turísticas sobre os e as monarcas galegos. Estas accións baséanse na investigación dun dos aspectos máis descoñecidos do reino galego: as dinastías rexias que o gobernaron entre o ano 409 e finais do século XV. Tamén divulgará a biografía dos reis e das raíñas galegas durante este período e socializará a memoria histórica dun tempo imprescindíbel para entender a Galiza de hoxe.
5. O Reino de Galicia. Coñecer o pasado para construír o futuro. Proxecto presentado por Orgullo Galego, S.L. Este proxecto baséase na creación de contido cunha das principais ferramentas de socialización e comunicación que da actualidade, internet e as redes sociais. Mediante estas plataformas achegarán conversas online en Twitch; audiovisual en Youtube e Tik Tok; infografías en Facebook, Instagram, Twitter e Telegram; e artigos orgullogalego.gal e nas súas contas de redes sociais. A proposta pretende combinar a rigorosidade académica co dinamismo que ofrecen as redes sociais e a capacidade de poder chegar a milleiros de persoas, o que se pode converter nunha ferramenta importantísima para achegar información e formarse.
6. O reino de Galicia nas historias de Galicia desde o século XVIII. Proxecto presentado por Orestes Comunica S.L. Esta proposta parte de que non existe, a día de hoxe, un espazo aberto para a cidadanía onde se poidan consultar, de xeito divulgativo e interactivo, os traballos que os investigadores do Reino de Galicia realizaron desde o século XVII ata hoxe. Un lugar no que, co apoio que nos fornecen as TIC, calquera poida informarse e coñecer, acudindo ás fontes, que significou o Reino nas visións dos autores que traballaron sobre ela, desde Atanasio de Lobera ata Ramón Villares ou Justo Beramendi. Este proxecto recompila e estuda toda a bibliografía científica producida arredor do tema e preséntaa nun portal web de claro carácter divulgativo, co obxectivo de crear ferramentas útiles de divulgación do Reino de Galicia. Organizado en taxonomías, a páxina incorporará, ademais, entrevistas en vídeo cos autores, unha Unidade Didáctica que se poderá empregar nos centros de ensino, así como a divulgación dos seus contidos mediante as redes sociais.
7. Teaser da serie de animación 3D: O avó das patacas cóntanos a historia de Galicia. Proxecto presentado por Jorge Juan Costas Mira. Este proxecto porpón a realización do teaser dunha futura serie de animación 3D destinada a público infantil. Trátase dun teaser con entidade propia: unha aventura con principio e final que, independentemente da serie, poida exhibirse en colexios, salóns do libro, etc e divulgar a Gran Revolta Irmandiña. Baséase en tres personaxes principais, o Avó Patacas, Uxía e Brais, qeu converten o libro de Historia de Galicia nunha máquina do tempo coa que viaxarán á Gran Revolta Irmandiña, sendo testemuñas do asalto ao castelo de Vimianzo.
8. Proxecto multimendia de divulgación do Antigo Reino de Galicia. Proxecto presentado por Ciencia Galega Industrais Creativas, S.L. Trátase dun proxecto multimedia de divulgación da historia do Antigo Reino de Galicia. O formato central do proxecto será o podcast Bailando con Reis e Raíñas, unha serie de 15 episodios duns 30 minutos de duración para achegar a historia de Galicia desde unha perspectiva alternativa á crónica de España. Cada episodio contará cun especialista invitado, en conversacións desenfadadas enfocadas a un público xeneralista de entre 20 e 35 anos. O proxecto inclúe cunha serie de contidos escritos a modo de reportaxes que serán publicados periodicamente en GCiencia e a produción e difusión de catro audiovisuais duns 5 minutos cada un, que complementarán a programación de podcasts.
9. Cartafol de ilustracións Reino de Galiza. Proxecto presentado por Maos Innovación Social, Sociedade Cooperativa Galega. Esta proposta consiste na difusión de láminas ilustradas por diferentes artistas galegas, presentando estéticas e estilos diferentes, poñendo en valor o seu traballo e achegando a historia a través da arte. As ilustracións estarán acompañadas de textos con contidos sinxelos, claros e dinámicos, cos que achegar á poboación esta parte esvaída da historia galega. De forma que, anverso e reverso das láminas se corresponderán con ilustración e texto sobre diferentes diferentes figuras medievais ou momentos relevantes da nosa historia.
10. Falemos do Reino de Galicia. Proxecto presentado por Suseia Sociedad Cooperativa Galega. Propón a realización de 6 vídeos de 6 minutos abordando 6 preguntas: Existiu o Reino de Galicia? Seguimos tendo algo de suevos? Por que hai dous Reis enterrados na Catedral de Santiago? Quen foron os líderes da Revolta Irmandiña? Por que a tumba do Apóstolo Santiago aparece en Compostela? Quen mandou construír a Catedral de Santiago? Cada pregunta servirá de fío condutor co que conversar con diferentes expertos en Historia Medieval. Nun ton pedagóxico e divulgativo, discernirán entre feito e mito, entre fonte e lenda, entre rigor e intuición, poñendo en valor o traballo que se fai desde os diferentes ámbitos da investigación histórica.
11. Terra das raíñas. Proxecto presentado por Gabriel Penabade Outeiro – Os Quinquilláns. Trátase dunha proposta escénica concibida como un espectáculo cómico-participativo de divulgación histórica para todos os públicos, cun guión orixinal e con vestiario e atrezzo deseñados ad hoc a partir da iconografía da época. Esta proposta dramática combina técnica actoral con escenas de títeres, e está deseñada para ser representada ao aire libre, (prazas, castelos, pazos...), aínda que, excepcionalmente, podería ser representada en interiores. A obra está concibida para ser representada en espazos patrimoniais de concellos de distintas comarcas da provincia da Coruña; sen descartar a futura distribución do espectáculo para alumnado durante o curso escolar e en programacións e circuítos culturais e/ou festivais, ampliando así a súa difusión.
12. Urraca. A pioneira do feminismo.  Proxecto presentado por Aser Álvarez González – Arraianos Producións. Consiste na elaboración dun documental transmedia baseado na vida e obra de Raiña Urraca, a raíña feudal, presentada como a primeira monarca titular na historia de España e de Europa. Nun diálogo multimedia, Urraca, en primeira persoa, alentada polo gran cronista galego da Idade Media, Vasco da Ponte, contará a súa vida como muller, como política e como raíña nun documental transmedia, de arredor de trinta minutos de duración. O obxectivo deste proxecto é a visibilización dunha figura salientable na Idade Media e rachar coa "damnatio memoriae" ou condena ao esquecemento á que foi sometida despois da súa morte, tanto polo seu fillo Alfonso VII que quixo borrar toda pegada da súa nai, como pola historia, case sempre escrita por homes, chegando a coñecela durante séculos como tirana, e todo por ser muller. O documental compleméntase con outros recursos transmedia, como podcast, caderno de bitácora, roteiros (virtuais e presenciais) polos lugares con ela relacionados, achegando pasaxes da historia e amosando os nosos recursos históricos e naturais para coñecer a historia medieval galega a través da vinculación entre patrimonio e turismo para público adulto, escolar, etc.
13. "Eu son de vos muito maravillado". Proxecto presentado por Sirgo Torcendo, S.L. Trátase dun proxecto que mestura a creación literaria, a lectura escénica dramatizada e a música antiga interpretada con instrumentos orixinais. Céntrase nos séculos XIV e XV, momento clave para entender a historia do Antigo Reino de Galicia e a súa posterior evolución. Propón, en concreto: a montaxe dun espectáculo de música e narración, coa colaboración do Grupo de Música Antiga 1500, o actor Xosé Manuel Fernández Castro e a narradora e poeta Eva Veiga; a edición dun programa-catálogo que, ademais do programa musical e as súas notas, conterá un texto de ficción histórica ambientado nestes séculos, diferentes achegas de expertos sobre o contexto histórico-social e musical, así como tres poemas compostos para a ocasión por tres poetas contemporáneas galegas sobre o Pranto da Frouxeira; unha actividade contextualizadora para a difusión do proxecto, en formato de espazo de conversa con especialistas e música ao vivo, que será gravada en vídeo, editada subida á rede.
14. Don García. O Reiciño de Galicia. Proxecto presentado por Manuel Pena Villar. O obxectivo principal deste proxecto é rescatar un texto baseado no Rei García que foi creado por un dos grandes clásicos da literatura universal, o escritor romántico Víctor Hugo. O autor presenta a García de Galicia desde unha perspectiva épica e de aventuras. Trátase de facer chegar ao público xeral a obra de Víctor Hugo para demostrar o interese que a cultura galega espertou sempre en autores foráneos. O presente proxecto supón unha adaptación á banda deseñada deste relato literario por conta do guionista Inacio Vilariño. O libro contará co prologo dun historiador e estará debuxado polo veterano autor de banda deseñada Iván Suárez (Premio Castelao de Bd 2009). Tamén contempla un vídeo documentario divulgativo con información histórica de 10 minutos para uso en redes sociais e centros de ensino como promoción e complemento da banda deseñada e unha unidade didáctica de libre uso, descargable desde a web, con contido sobre a historia do Rei García e a adaptación literaria de Victor Hugo.
15. A Historia do Reino Medieval de Galicia explicada por Teodoro e Atanasio. Proxecto presentado por Culturactiva, Sociedade Cooperativa Galega. Consiste nunha webserie orixinal de 8 capítulos sobre os aspectos máis sobranceiros da época que enmarca o Reino Medieval de Galicia e explicados por Teodoro e Atanasio, discípulos do Apóstolo Santiago. Será formulada en ton cómico, mais con rigor histórico, orientado a público xuvenil, protagonizada por Isabel Risco e Fran Rei, para publicación en redes sociais e difusión en centros de ensino secundario. Polo que se refire ao uso académico, cada capítulo contará cunha breve guía didáctica para facilitar o traballo dos educadores e educadoras nas aulas de ensino secundario. Trataranse os aspectos máis sobranceiros desta época da historia do noso país, como poden ser a propia existencia do Reino Medieval de Galicia, as relacións galegas con Portugal, os porqués da inventio da tumba do Apóstolo Santiago, o feito de que reis de Castela, Toledo ou León escribisen en galego e que nesta lingua florecese a expresión literaria máis relevante e culta do medievo peninsular, as tensións políticas e sociais do século XIV e XV, a conformación do Reino suevo de Galicia como o primeiro reino europeo, a verdadeira natureza histórica de figuras como Pardo de Cela, Xelmírez ou Don García, ou a propia existencia na actual Catedral de Santiago dun Panteón Real.
16. O vestixio do Reino de Galicia na Catedral de Santiago de Compostela. Proxecto presentado por Martela Films, S.L. Propón a realización dunha peza documental de carácter artístico pensada para tratar dunha forma divulgativa e amena a evolución do Reino de Galicia a través das imaxes da Catedral de Santiago de Compostela en función do vínculo existente entre este estandarte relixioso e o bispado. A idea e amosar, a través da simboloxía e dos vestixios existentes na Catedral de Santiago de Compostela, todas as pegadas que permanecen do legado do Reino de Galicia nas imaxes que aínda se conservan en tumbas, esculturas etc... Para facelo, contarán con voces expertas de investigadores e docentes da Universidade de Santiago de Compostela especializados en Historia Medieval. A súa vez, Xosé Antonio López Silva, catedrático de latín, realizará as labores de revisión técnico-científica, co fin de artellar un discurso poliédrico que condense a información histórico-artística dunha forma didáctica e comprensible. Parten da idea de que a dificultade de acceso a información sintética sobre o legado do Reino de Galicia fai necesaria a creación de pezas audiovisuais divulgativas que axuden a descodificar a basta información recollida en traballos de investigación existentes moi interesantes pero ao tempo moi complexos para un público non especializado.
17. Soldadeiras. Proxecto presentado por Carolina Rubirosa Rodríguez. Preséntase como unha ollada novedosa, moderna e feminina que conectará as cantigas medievais coas tendencias musicais e audiovisuais do 2022. Un disco-libro onde sete das cantigas menos coñecidas dos cancioneiros, terán unha nova vida grazas ás músicas orixinais escritas por Rubirosa, cuxa produción musical se fará eco das últimas tendencias, tendo como resultado un produto onde tradición e modernidade se dan a man coma nunca antes o fixeran. Así as cantigas do medievo soarán na pista de baile dos máis novos, facendo que cobren unha nova vida. Unha creación que pasará a engrosar o patrimonio cultural e musical de Galicia de maneira notable, diferente, con marcado carácter de internacionalización. Distribuirase tanto en formato físico como dixital.
18. Reino no mapa. Proxecto presentado por Mazarelos, Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil. Propón unha nova cartografía do período medieval, amosando as fontes orixinais nas que estivo presente Galiza e acompañándoo con vídeos que acheguen de forma sintética unha contextualización dos mapas por parte de persoas expertas, pero cunha linguaxe accesible e adaptada a estes formatos. A proposta reino.gal creará unha serie de materiais didácticos e divulgativos para ampliar o coñecemento do Reino da Galiza dende diversas perspectivas, abordando temáticas como a creación de vías, a distribución de áreas de produción agrícola ou mesmo a expansión da arte románica por medio dos mosteiros. Todo isto dende novas olladas que teñan en conta aos subalternos, á perspectiva de xénero e expliquen o espazo do Reino de Galiza no mundo.
19. Papagaio. Viaxe a Galicia medieval. Proxecto presentado por Abraham Carreiro Fernández. Propón unha edición especial de O Papagaio, o xornal infantil e xuvenil, de periodicidade mensual, que se distribúe por bibliotecas, centros educativos e particulares de Galicia, dende o ano 2016. Este número especial tratará temas como a vida da xente neste período histórico, os Reis de Galicia, o Panteón Real que se encontra baixo a Catedral de Santiago, a nobreza, personaxes destacados como Pardo de Cela, os xograres e trobadores, os oficios, as revoltas Irmandiñas, a lingua e a separación do galego e o Portugués, e mulleres destacadas como María Castaña e María Balteira ou a organización das cidades medievais.
20. A letra do Reino. Proxecto presentado por Alberto Sánchez Regueiro. Esta proposta ten por obxecto rescatar e documentar, para así poder catalogar e definir, para as súa vez poder actualizar e publicitar, as fontes tipográficas propias da Galiza que caracterizaron o período de existencia do noso reino medieval. Isto é, editar en soporte informático, con plena e transversal accesibilidade para todos os soportes vinculados ás novas tecnoloxías, unha tipografía galega que teña como finalidade última contribuír á dignificación e caracterización dunha imaxe de país. Unha nación, tamén na súa comunicación gráfica, vangardista e moderna que ten xustamente, na súa historia, e máis concretamente na súa pasada existencia como reino, o cerne da súa vangarda e modernidade.