Estás en:Novas

EUROPE DIRECT A Coruña abre a ‘Estación Verde’, un espazo virtual en 3D sobre a política medio ambiental europea

• Un bosque dixital acolle a mostra Pacto Verde Europeo, vídeos sobre sostibilidade realizados por alumnado de oito escolas implicadas en asuntos europeos e un escape room que pon a proba os coñecementos ambientais de maiores e pequenos

EUROPE DIRECT A Coruña abre a ‘Estación Verde’, un espazo virtual en 3D sobre a política medio ambiental europea

EUROPE DIRECT A Coruña abre Estación Verde, unha contorna virtual en tres dimensións con información, vídeos e contidos didácticos sobre o Pacto Verde Europeo. Este espazo dixital e natural, nun bosque rodeado de árbores, permite ás persoas usuarias desprazarse e explorar a Estación Verde de maneira autónoma para descubrir os seus contidos. Pódese acceder no enderezo: https://dacoruna.gal/europedirect/estacionverde/
Na Estación Verde pódese realizar unha visita virtual á mostra Pacto Verde Europeo de EUROPE DIRECT A Coruña que percorrerá este verán cinco concellos da provincia, así como outros contidos creados por e para a mocidade. Entre eles, cómpre destacar os vídeos creados por mozos e mozas de oito centros educativos de Galicia.
Durante os últimos meses, estes centros educativos, implicados na rede de escolas activas en asuntos europeos de EUROPE DIRECT A Coruña, estiveron traballando nas aulas sobre contidos de medio ambiente e sostibilidade para crearen propostas audiovisuais ao redor desta temática. No proxecto participan seis Escolas Embaixadoras do Parlamento Europeo en Galicia: IES Eusebio da Guarda (A Coruña), IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, IES Valle-Inclán (Pontevedra), Colexio Miraflores (Ourense), Colexio Padre Feijóo-Zorelle (Ourense) e Colexio Vivas (Vigo). Ademais, sumáronse ao proxecto o CEIP Sigüeiro de Oroso e o IESP Pedra da Aguia de Camariñas, centro este último cunha dilatada traxectoria en actividades europeas.
A Estación Verde ten unha estrutura circular que alberga tamén contidos audiovisuais xerados polo centro EUROPE DIRECT A Coruña, como o escape room sobre o Pacto Verde Europeo. Neste xogo en liña, con versións en galego e castelán, pequenos e maiores deben ir superando probas relativas á política medioambiental europea para conseguir unha clave final.
EUROPE DIRECT A Coruña é un centro de información oficial da Comisión Europea que pertence á Deputación da Coruña. A misión do centro, que iniciou a súa traxectoria no ano 1996, é traballar coa cidadanía, os medios de comunicación e as entidades locais cos obxectivos de implicar á poboación en temas europeos, así como proporcionar contidos sobre as políticas e as prioridades da UE. Tamén axudar á Comisión Europea a adquirir unha visión xeral das sensibilidades locais relacionadas coas súas políticas e promover a cidadanía europea activa nas escolas.

Para información complementaria, pódese contactar a través do correo electrónico europedirect@dacoruna.gal, ou ben, no número de teléfono 981 080 331. Hai tamén máis información dispoñible na web: https://dacoruna.gal/europedirect/europe-direct-coruna/agenda/2022/estacion-verde-entorno-virtual-3d-transitable-sobre-el-pacto-verde-europeo-actividad-conjunta-de-la-red-de-escuelas-embajadoras/