Estás en:Novas

Os premios ‘Bos e xenerosos 2022’ recoñecen o traballo da arqueóloga Ana Romero no Dolmen de Dombate, patrimonio provincial

Valentín González Formoso foi encargado de entregarlle o premio, outorgado pola Fundación Eduardo Pondal, polo seu labor na escavación e musealización do Dolmen de Dombate
O vicepresidente provincial, Xosé Regueira, fixo entrega do busto de Pondal á pintora e escultora muxiá Viki Rivadulla

Os premios ‘Bos e xenerosos 2022’ recoñecen o traballo da arqueóloga Ana Romero no Dolmen de Dombate, patrimonio provincial

Valentín González Formoso e Xosé Regueira participaron hoxe en Ponteceso, na aldea do Couto, no acto de entrega dos premios 'Bos e xenerosos 2022', uns galardóns que outorga anualmente á Fundación Eduardo Pondal e que nesta ocasión recoñeceron o traballo da arqueóloga Ana Romero no Dolmen de Dombate, que forma parte do patrimonio provincial.

González Formoso foi o encargado de entregarlle o premio a Ana Romero Masiá, natural de Santiago de Compostela, que ademais do seu traballo no Dolmen de Dombate é coñecida polo seu labor nas escavacións do castro A Cidá de Borneiro.

Pola súa parte, Xosé Regueira fixo entrega do busto de Pondal á pintora e escultora muxiá, Viki Rivadulla, pola súa obra reivindicativa de temas como o mar, a muller mariñeira e a súa cultura.

O resto de premiados destes galardóns, cos que a Fundación Eduardo Pondal pretende recoñecer a traxectoria persoal e tamén o traballo en prol da colectividade, da cultura ou do patrimonio, foron o director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade Calvo; o físico e catedrático da USC, Jorge Mira; e o fotoxornalista José Manuel Casal Sobrino.