Estás en:Novas

Avanzan as obras de renovación da rede de abastecemento de auga de Camariñas, financiadas pola Deputación e o Concello

A actuación, que conta cun orzamento de máis de 100.000 euros, permitirá substituír a actual rede de tubaxes por unha nova de polietileno
Esta infraestrutura abastece a 2.500 persoas, aumentando esta cifra no verán, e tamén á industria conserveira

Avanzan as obras de renovación da rede de abastecemento de auga de Camariñas, financiadas pola Deputación e o Concello

Avanzan as obras de renovación da rede principal de abastecemento de auga de Camariñas, que se levarán a cabo na súa maior parte na zona coñecida como 'A Reja', valoradas en 102.266,95 euros e financiadas pola Deputación da Coruña e o Concello de Camariñas.

O proxecto está financiado a través dun convenio polo que a Deputación achega 80.000 euros e o importe restante, 22.266 euros, é asumido polas arcas municipais. Os traballos que se están a levar a cabo implican a substitución da anterior tubaxe de fibrocemento de 200 mm. que une o depósito de abastecemento de Camariñas co núcleo de Outeiro, onde se realiza a conexión coa tubaxe existente, por unha nova de polietileno.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destaca "o compromiso" do goberno provincial para apoiar os municipios coruñeses na mellora das súas infraestruturas e servizos básicos coma o abastecemento de auga.

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, explica que "esta era unha rede moi antiga, que tiña que ter un constante mantemento xa que sufría periodicamente fallos na subministración e avarías" e subliña a importancia da obra xa que "esta traída dá servizo a uns 2.500 veciños e veciñas, aumentando esta cifra no verán, e ademais abastece a unha das principais industrias conserveiras do municipio".