Estás en:Novas

A Deputación inviste 45.593 euros no acondicionamento do mercado municipal de Ortigueira

O ente provincial financia o 100% do custo total das obras que permitirán actuar nas fachadas, a cuberta do inmoble e o acceso posterior a este co obxectivo de mellorar as condicións da construción

A Deputación inviste 45.593 euros no acondicionamento do mercado municipal de Ortigueira

A Deputación da Coruña dedica a través do seu Plan Único 45.593 euros para as obras de renovación do mercado municipal do Concello de Ortigueira. O ente provincial financia o 100% do custo total das obras que permitirán acondicionar a cuberta, as fachadas e o acceso posterior ao edificio, mellorando así as condicións do inmoble.

O Plan Único da Deputación amosa de novo a súa utilidade para a protección e coidado de instalacións municipais simbólicas como este mercado, que foi construído en 1856 e albergou no seu día un cárcere. Foi desde o 1972 cando este empezou a ser mercado municipal. A súa situación é privilexiada no municipio, estando ao lado do centro social e da sede do club náutico, no centro da actividade comercial da vila.

As tarefas que se van  realizar contemplan, en primeiro lugar, a limpeza da fachada para eliminar a suciedade, os fungos e os liques, así como a reposición dos elementos danados. Nas zonas revestidas eliminarase o actual recubrimento, deixando a mampostería descuberta e limpa para aplicar os novos materiais. Renovarase á súa vez a pintura da varanda do balcón.

En canto á cuberta, recolocaranse os elementos soltos e revestiranse e limparanse os faldróns. Esta solución evitará en gran medida a caída de auga sobre as fachadas, eliminando así tamén os fungos e humidades que se xeraban por mor disto.

Por último, realizaranse obras de mantemento do acceso posterior. Proxéctase unha nova pavimentación antideslizante e unha tarima de polietileno e fibras naturais recicladas. Tamén se pechará a esquina de abaixo da rampla para evitar que se acumulen residuos na zona, como acontecía ultimamente. O espazo xa fora renovado hai máis dunha década coa creación de novos postos, oito fixos e cinco ocasionais.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, subliñou a axuda que presta aos Concellos o Plan Único provincial á hora de executar melloras en infraestruturas municipais básicas, así como mellorar servizos, sempre atendendo ás necesidades reais de cada termo municipal.

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, reseñou o importante apoio que brinda o programa, que neste caso "nos permite afrontar un proxecto vital para continuar protexendo un patrimonio único, neste caso con tarefas nun edificio declarado ben de interese histórico-artístico".