Estás en:Novas

A Deputación achega 40.000 euros á Universidade Menéndez Pelayo para financiar cursos formativos

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a directora da UIMP-Galicia, María Jesús Lorenzo Modia, asinaron o convenio que dá continuidade á colaboración entre ambas entidades

A Deputación achega 40.000 euros á Universidade Menéndez Pelayo para financiar cursos formativos

A Deputación da Coruña continúa co seu apoio e colaboración coa Universidade Menéndez Pelayo (UIMP) a través dunha achega de 40.000 euros para financiar actividades académicas do centro.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a directora da UIMP-Galicia, María Jesús Lorenzo Modia, asinaron na sede provincial o convenio a través do que a Deputación achega o 73,66% do custo total das iniciativas que se han financiar, valoradas en 54.300 euros.

Con este investimento, o goberno de Valentín González Formoso cofinancia seis cursos presenciais dirixidos a alumnado universitario e a profesionais que buscan actualizar os seus coñecementos ou unha formación continuada. O importe provincial serviu para financiar os honorarios do profesorado que impartiu as clases, aloxamento e manutención, viaxes, gastos de persoal, limpeza, medios técnicos, publicidade e difusión, reprografía e material e o alugueiro das salas.

Coas achegas, a Deputación permitiu que se desenvolveran os cursos "Santa María. Música en tempos de Afonso X O Sabio", impartido por Carlos Magraner, "Retos demográficos e políticas públicas para a España despoboada", impartida por Juan Jesús González e Francisco Ramos, o II Foro de economía prospectiva de Galicia, por Fernando González Laxe, "A economía de proximidade: a chave para o desenvolvemento rexional", por Marcelino F. Mallo, e "Envellecer con sentido: perspectiva ética", coa participación de varios relatores e relatoras.

Desde o 1982 a Deputación colabora económica e institucionalmente cos cursos levados a cabo polo ente educativo. "Reafirmamos o noso compromiso coa UIMP, dando apoio unha vez máis a un eido fundamental para o progreso da nosa sociedade como é o da formación", argumentou o presidente provincial, Valentín González Formoso.