Estás en:Novas

A Deputación presenta en Roma unha guía en italiano para promocionar o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía

O deputado Antonio Leira estivo na capital italiana para promocionar as dúas rutas de peregrinación que pasan integramente pola provincia

A publicación, titulada 'Il Cammino Inglese per Santiago a piedi', é obra do escritor Fabrizio Ardito, un xornalista italiano de recoñecido prestixio

"Hai que aproveitar que Italia é un dos primeiros países emisores de peregrinos a estas rutas", destacou Leira

A Deputación presenta en Roma unha guía en italiano para promocionar o Camiño Inglés e o de Fisterra-Muxía

A Deputación da Coruña presentou en Roma, en colaboración coa OET de Turespaña na capital italiana e co seu delegado Jorge Rubio, 'Il Cammino Inglese per Santiago a piedi', unha guía práctica do Camiño Inglés e do de Fisterra-Muxía escrita en italiano.

A guía, obra de Fabricio Ardito, xornalista de recoñecido prestixio en Italia e especializado en rutas de peregrinación, é o mellor medio para promocionar os dous camiños que pasan integramente pola provincia: o Camiño Inglés, tanto desde a súa orixe en Ferrol como na Coruña, como ruta xacobea de curta duración, e a súa prolongación ao chegar a Compostela, ata Fisterra-Muxía, chegando así á fin do mundo.

"Hai que aproveitar que Italia é un dos primeiros países emisores de peregrinos a estas rutas, por iso nos fixo moita ilusión como Deputación a oportunidade de colaborar coa idea de Fabrizio Ardito e a editorial Ediciclo Editores, para traballar nesta guía en italiano e chegar a este mercado con información actualizada e real", explica o deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira Piñeiro, que acudiu á presentación da guía en Roma acompañado de técnicos da sección de Turismo provincial.

Á presentación acudiron axencias de prensa, radio e televisión, blogueiros e conselleiros de turismo convocados polo equipo da OET de Turespaña en Roma, ao que o deputado Antonio Leira quixo agradecer "a súa implicación na organización do evento e a súa profesionalidade para que fosen un éxito, tanto a presentación da guía como a posterior sesión de traballo na que os asistentes mostraron moito interese e inquietude polos Camiños, pecháronse reunións de traballo e mesmo, a organización dun próximo press trip á provincia da Coruña".

"Entre os contactos que xurdiron nesta viaxe podemos mencionar a John D' Orazio, como coordinador de peregrinacións de Opera Romana, e que moven todos os anos a miles de peregrinos por todo o mundo, ao xornalista Vittorio Ragone de Foglieviaggi ou tamén a Nuria Panos da axencia de radio e televisión Mediahotelradio, que van ser un importante altofalante para promocionar e poñer en valor tanto o Camiño Inglés como o de Fisterra-Muxía en Italia", salientou Antonio Leira.

Reunión nas embaixadas de Roma e a Santa Sede

Acompañaron á delegación da Deputación os representantes da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás como presidente e Cristina García, como xerente, que aproveitaron tamén para facer unha presentación do itinerario xacobeo a operadores de turismo e axencias de viaxe no centro multimedia da OET en Roma, con gran acollida e interese por parte dos asistentes italianos.

Ambas as delegacións foron recibidas polo embaixador de España en Roma, Alfonso Dastis, e a embaixadora de España na Santa Sede, Isabel Celáa, aos que tiveron a oportunidade de presentar as últimas actuacións de promoción e posta en valor realizadas no Camiño Inglés conxuntamente.

Ligazón ao vídeo da presentación:

https://events.esperienzaspagna.it/evento/cammino_inglese_ediciclo/