Estás en:Novas

Valentín González Formoso pide “gobernanza multinivel e transparencia na xestión dos recursos” do ciclo da auga

O presidente provincial participou na apertura da xornada sobre o impacto da nova Lei do ciclo integral da auga nos concellos, organizada pola Cátedra de Dereito Local da UDC

González Formoso destacou que "a Deputación leva financiadas co Plan Único 364 obras relacionadas co ciclo da auga, que deciden os concellos en base ao principio de autonomía"

"O ciclo da auga é un dos temas que máis preocupa aos concellos" e "a gobernanza multinivel é imprescindible para que o desenvovlemento da Lei sexa práctico", afirmou

Valentín González Formoso pide “gobernanza multinivel e transparencia na xestión dos recursos” do ciclo da auga

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na apertura da xornada de debate sobre o impacto da nova Lei do ciclo integral da auga nos concellos, organizada pola Cátedra de Dereito Local da Deputación -UDC e a Cátedra Emalcsa-UDC, e fixo un chamamento á "gobernanza multinivel e transparencia na xestión dos recursos, dos gravames e dos ingresos que se obteñan por parte da administración que xestiona o ciclo da auga".

No salón de graos da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña Formoso destacou que "o ciclo da auga é un dos temas que máis preocupan aos concellos galegos desde hai décadas" e lembrou que "a propia ONU dentro dos seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible di claramente que a auga limpa e o saneamento é un obxectivo imprescindible".

"Nese senso creo que o país dos mil ríos necesita claramente ter claro cal vai a ser o seu modelo de xestión do ciclo da auga", explicou, alertando de que "estamos asistindo a unha formulación de proxecto de Lei que está dalgunha maneira discutido por parte dos axentes locais, tanto Deputacións como concellos".

Gobernanza multinivel nun asunto que interesa ao mundo local

Na súa intervención Formoso salientou que a xestión do ciclo da auga debe rexerse a través da "gobernanza multinivel, que é máis que necesaria nun eido como da auga que non coñece ideoloxías, senón que coñece de realidades, de necesidades sobre todo de infraestruturas no ámbito do saneamento e do abastecemento". "Esa gobernanza multinivel é imprescindible para que o desenvolvemento da Lei sexa práctico e asumido por parte dos destinatarios da mesma", puntualizou.

"Un segundo punto imprescindible é a transparencia na xestión dos recursos que xera a propia auga, que están gravados con canons e que, polo tanto, requiren unha transparencia na asignación dos fondos e infraestruturas", sinalou González Formoso, poñendo como exemplo a xestión que se fai na Deputación da Coruña "que leva financiado co Plan Único nos últimos catro anos 364 obras que deciden os propios concellos en base ao principio autonomía local. Un investimento de case 50 millóns de euros que dá unha idea da magnitude que lle dan os concellos da provincia ao cumprimento normativo no ámbito do saneamento e o abastecemento da auga".

Xornada sobre o ciclo da auga

A auga é un ben público cada vez máis escaso, tamén en Galicia, pese a estar nun ámbito de alta pluviosidade, o cambio climático acelerado está a provocar mudanzas na dispoñibilidade dun recurso que a ONU considera xa un dereito humano. A auga como recurso produtivo e como obxecto de consumo humano é estratéxica nun escenario climatolóxico adverso. Isto obriga a que os poderes públicos aborden a regulación do ciclo hídrico completo, nas súas fases de captación, tratamento, potabilización, distribución, saneamento e depuración.

Esta xornada, organizada pola Cátedra de Dereito Local da Deputación-UDC e a Cátedra Emalcsa-UDC, que dirixen os profesores Carlos Amoedo e Moisés Canle, respectivamente, busca repasar os principais desafíos desta política, obxecto dunha nova lei galega, de mellora da xestión do ciclo integral da auga.