Estás en:Novas

A Deputación destina 70.000 euros para a adquisición de alimentos e contratación de persoal no Banco de Alimentos Rías Altas

O pleno aprobou un convenio que permitirá dar continuidade á labor da entidade de facilitar o acceso á alimentación ás familias máis desfavorecidas

O acordo tamén servirá para financiar a contratación dunha coordinadora de voluntariado, outra para o almacén de Santiago e unha terceira para a xestión de diversos trámites

A Deputación destina 70.000 euros para a adquisición de alimentos e contratación de persoal no Banco de Alimentos Rías Altas

A Deputación da Coruña aprobou hoxe en pleno un convenio co Banco de Alimentos Rías Altas para o financiar a adquisición de alimentos de primeira necesidade e a contratación de persoal para a asociación.

O acordo, polo que a administración provincial destina 70.000 euros, o 69,79% do orzamento total deste proxecto, que ascende a 100.302,21 euros, permitirá á entidade reforzar a súa actividade e facer fronte ás novas situacións xeradas pola pandemia, que provocou que o perfil daquelas persoas que recorren á axuda alimentaria se diversificara.

Así, unha parte desta subvención será destinada para dar continuidade á labor da entidade de facilitar o acceso á alimentación ás familias máis desfavorecidas. No ano 2021 o Banco de Alimentos Rías Altas atendeu a 26.427 beneficiarios, a través de 168 entidades sociais da provincia da Coruña, repartíndose un total de 2.854.66 quilos de alimentos.

Ademais, este acordo tamén servirá para financiar a contratación de persoal esencial para o desenvolvemento das súas funcións: unha coordinadora de voluntariado que é responsable tamén do almacén da Coruña, outra coordinadora responsable do almacén de Santiago e que se encarga de coordinar aos voluntarios da zona, e, por último, unha terceira coordinadora responsable dos trámites con tódalas administracións a nivel local, provincial e autonómico de calquera índole.