Estás en:Novas

O pleno da Deputación dá luz verde ao convenio para o financiamento das obras de renovación no sector norte do estadio da Malata, en Ferrol

O pleno aprobou hoxe un convenio co Concello de Ferrol polo que a Deputación destina 488.026,92 euros, o 80% do orzamento total da obra

A actuación permitirá reparar o pavimento do corredor perimetral, a reconstrución das zonas destinadas a aseos e almacén, a renovación dunha parte da cuberta e dos portóns de acceso ás instalacións

O pleno da Deputación dá luz verde ao convenio para o financiamento das obras de renovación no sector norte do estadio da Malata, en Ferrol

FOTO (ARQUIVO). Valentín González Formoso e Ángel Mato, nunha visita ao estadio da Malata

A Deputación da Coruña aprobou hoxe en pleno un convenio co Concello de Ferrol para o financiamento das obras de renovación de diferentes espazos no sector norte do estadio municipal da Malata.

O acordo, polo que a administración provincial destina 488.026,92 euros, o 80% do orzamento total da obra, que ascende a 610.033,65 euros, permitirá corrixir as deficiencias que presenta a instalación no sector norte baixo as gradas, e que requiren unha actuación urxente, sendo esta unha infraestrutura moi importante para a cidade de Ferrol e para toda a comarca de Ferrolterra, destinada a servir como campo de xogo ao Racing de Ferrol.

O proxecto a levar a cabo consiste na reforma e reparación dos pavimentos, así como a reconstrución das zonas destinadas a aseos e almacéns, a renovación dunha parte da cuberta e de tres portóns que dan acceso ás instalacións deportivas.

Os traballos inclúen, en primeiro lugar, a demolición dos tabiques existentes, incluíndo os espazos de servizos que delimitan (aseos, almacéns, despacho de billetes, cantina...), o levantamento do pavimento para a súa renovación total, a execución dos servizos existentes incorporando uns aseos accesibles, a substitución das instalacións existentes, a reposición das pranchas metálicas da cuberta que desapareceron pola acción do vento, a fixación dos elementos de formigón prefabricado que coroan a fachada, e, por último, a desmontaxe e substitución dos 3 portóns de acceso ao fondo norte que se atopan nun mal estado de conservación.