Estás en:Novas

Formoso destaca a figura do Vákner de Dumbría como recurso dinamizador “da economía e a cultura” na Costa da Morte

O presidente da Deputación participou esta mañá na entrega de premios do concurso literario Territorio Vákner, no marco do Festival Vákner de Dumbría, que está a celebrarse hoxe na localidade

Formoso destaca a figura do Vákner de Dumbría como recurso dinamizador “da economía e a cultura” na Costa da Morte

Valentín González Formoso asistiu hoxe á entrega dos premios do concurso literario Territorio Vákner, no marco do Festival Vákner de Dumbría. O presidente da Deputación da Coruña destacou na súa intervención que esta criatura "que facía un labor terrorífico hai séculos no Camiño de Santiago, fai agora un traballo de dinamización da economía e da cultura nunha terra que está máis viva ca nunca".
O evento celebrouse esta mañá no Marco do Couto, no municipio de Dumbría, onde tamén se acaba de descubrir a estatua do Vákner. Unha peza de cinco metros de altura que representa a un home lobo creada polo escultor Cándido Pazos. O alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, destacou que o emprazamento no que se sitúa a creación necesitaba contar co seu protagonista, xa que esta zona "é a confluencia de dous camiños reais, o que vai a Fisterra e o que vai a Dumbría-Muxía", territorio do Vákner. O rexedor sinalou que a zona tamén conta con outros recursos turísticos próximos.
A entrega de premios do certame de relatos e a descuberta desta estatua forman parte da primeira edición do festival dedicado a esta criatura lendaria e que se desenvolve ao longo da xornada de hoxe no municipio, contando con actuacións de grupos como Luar na Lubre, Víctor Manuel, Ismael Serrano, Alexandra Suárez, Gaiteiros de Buxantes e, Carlos Goñi, líder de Revólver.
Segundo sinalou Formoso, o Vákner forma parte deses "recursos que somos capaces de poñer desde hai décadas en beneficio da sociedade, que son aproveitados no eido cultural, sobre todo para facer unha cousa, que é innovar". O presidente provincial tamén agradeceu ao director de La Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela, "por amparar estas cousas nunha empresa que ten alma e compromiso cos territorios e a cultura".
José Manuel Pequeño, pola súa banda, agradeceu á "Deputación e ao seu presidente" o apoio a "un proxecto que empezamos no 2019, e do que hoxe rematamos a primeira fase cun gran festival". O alcalde tamén agradeceu ao director do proxecto, Antón Pombo, o seu traballo.