Cristina Capelán destaca “os impecables valores” que transmiten os xogadores do Basketmi
A deputada de Deportes participou na recepción institucional ao club ferrolán tralo seu recente ascenso a División de Honra
A deputada de Deportes, Cristina Capelán, participou hoxe na recepción institucional no Concello de Ferrol aos integrantes do club Basketmi polo seu primeiro posto na Primeira División de baloncesto en cadeira de rodas e ascenso a División de Honor.
No acto, no que estivo acompañada do alcalde de Ferrol, Ángel Mato, e do concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, Capelán parabenizou a Basketmi "por este logro acadado" e destacou que "este éxito de seguro que servirá como exemplo para os rapaces e rapazas máis novos cando practiquen o baloncesto ademais dos impecables valores que transmitides".
"Esta temporada sumades un novo título ao palmarés da entidade, que axuda a engrandecer a mesma, sendo a única de baloncesto adaptado na provincia da Coruña que xoga na máxima categoría desta modalidade, circunstancia que nos enche de orgullo", salientou.
A deputada tamén fixo referencia a que "a Deputación ten unha gran sensibilidade polo deporte adaptado, destacando dentro das liñas de subvención de deportes un apartado de valoración específico" e explicou que "isto é porque cremos que a actividade deportiva xera valor en todos os elos da sociedade e porque, alén das emocións e sentimentos que mobiliza, o deporte transmite valores importantes como o esforzo, a superación, a constancia e perseverancia ou a importancia do traballo en equipo".