Estás en:Novas

Formoso asegura que as obras na avenida das Pías de Ferrol “coserán” os barrios de Caranza e o Bertón cunha humanización sen precedentes

O presidente provincial destacou a importancia que suporá para os veciños a conexión destes dous barrios, convertendo a avenida das Pías nun gran bulevar

Destacou o traballo de Ángel Mato para loitar por "esta actuación" e tamén a aposta do Goberno de España por Ferrol cun investimento de 10,6 millóns de euros

Formoso asegura que as obras na avenida das Pías de Ferrol “coserán” os barrios de Caranza e o Bertón cunha humanización sen precedentes

O presidente da Deputación, o alcalde de Ferrol e o delegado do Goberno en Galicia, cos veciños dos barrios ferroláns que mellorarán a súa conexión co novo bulevar

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acudiu hoxe ao inicio das obras de humanización da FE-14, acompañando ao delegado do Goberno, José Miñones e ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato.As obras permitirán converter a avenida das Pías nun gran bulevar que servirá de exemplo para outras cidades para acometer os seus procesos de transformación urbana.
González Formoso destacou a importancia que suporá para os ferroláns a conexión dos barrios de Caranza e o Bertón, impulsada polo Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia do Goberno, cun investimento de 10,6 millóns de euros a través do Ministerio de Transportes e Movilidad y Agenda Urbana (Mitma).

"Temos que destacar o enorme cambio que significará facer desaparecer esa trincheira que separa dous barrios moi queridos. Desde o punto de vista das infraestruturas é unha magnífica nova para a comarca, para os seus veciños e para todos os que nos achegamos habitualmente a Ferrol para gozar dos seus servizos. Alégrome enormemente cando Ferrol constrúe futuro e cando Ferrol mellora a súa faciana como esta ocorrer hoxe aquí", apuntou o presidente provincial.

Neste senso, Formoso lembrou o significado desta actuación que humanizará a avenida das Pías en dous tramos: a conexión da estrada coa rúa Caranza (do punto quilométrico 0+000 ao 0+600 da FE-14) e a conexión de Caranza co Bertón (do 0+600 ao 1+100). Este segundo tramo, xa en execución, conta cun investimento de 5,4 millóns e un prazo de 29 meses.

Destacou tamén o traballo do alcalde de Ferrol na súa loita por coser esta trama urbana da súa cidade e para eliminar as barreiras entre os barrios de Caranza, Esteiro, Ultramar e O Bertón. O proxecto que impulsou Mato, dixo, permitirá gañar espazo os peóns e as bicicletas, e novas áreas de lecer e como esta estrada se transforma nunha vía máis amable e segura. "Quixera destacar o traballo e a pelexa constante do alcalde,Ángel Mato, que non descansa, nin de noite nin de día, pola mellora da súa cidade. Creo que este obxectivo esta cumprido e nos consta que Ángel seguirá pelexando polo tramo para rematar o proxecto".
O presidente asegurou que "desde A Deputación amosamos o noso compromiso total e absoluto coa cidade de Ferrol, que é a referencia, sen dúbida, no eido industrial e unha das grandes referencias en toda a provincia".