Estás en:Novas

A Deputación da Coruña financiará a construción da nova EDAR de Coristanco

A a nova infraestrutura evitará as verteduras ao ríos Vao, afluente do Anllóns

A actuación favorecerá o impulso do Proxecto Anllóns de Turismo sostible que promove a Deputación

A Deputación da Coruña financiará a construción da nova EDAR de Coristanco

A Deputación da Coruña aprobou destinar 214.217 euros para a construción da nova EDAR de San Paio de Coristanco, un proxecto con un orzamento total de 267.772 euros, polo que a entidade provincial asumirá o 80% do custo das obras.

Segundo o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, trátase dunha actuación prioritaria para Coristanco ante a inexistencia desta infraestrutura de interese público. Lembra que o Concello está a asumir varios expedientes sancionadores pola falta dunha depuradora de augas residuais que eviten as verteduras ao Río Vao, afluente do río Anllóns.

"É unha obra urxente para Coristanco xa que dará por fin un servizo básico ao municipio a un millar de persoas, evitará a contaminación dos seus ríos, e por outra banda, favorecerá o impulso do Proxecto Anllóns de Turismo sostible que promovemos desde a Deputación Provincial", apuntou o presidente.

A infraestrutura dará servizo a un millar de veciños e veciñas de Coristanco e fará realidade unha demanda histórica do municipio.

Na actualidade, a rede de augas residuais discorre por gravidade e por diferentes ramais co fin de dar servizo a varios núcleos de poboación. Esta rede non ten tratamento previo polo que é prioritaria a instalación desta depuradora que realice posteriormente a emisión en condicións de salubridade e acorde a lexislación vixente.

As obras constan de novos colectores de saneamento, a condución das augas aos pozos de bombeo, que terán con dous motores cos que impulsar as augas residuais a planta de tratamento para a súa posterior saída.