Estás en:Novas

O Plan Único da Deputación inviste preto de 1 millón de euros para obras de mellora da seguridade viaria e equipamentos en Santa Comba

O ente provincial financia cinco actuacións no municipio que están actualmente en fase de licitación pública

Os proxectos de seguridade viaria son: a mellora da pavimentación entre Fontecada e Alón, entre Abuín e Freixeiro e entre Portochán con Val do Dubra e no lugar de San Salvador

A mellora de equipamentos atende á construción dunha cuberta para a pista de pádel e a reforma da cuberta do centro de formación 'Escola Obradoiro'

O Plan Único da Deputación inviste preto de 1 millón de euros para obras de mellora da seguridade viaria e equipamentos en Santa Comba

A Deputación da Coruña inviste 800.774,77 euros en cinco obras de mellora da seguridade viaria e de equipamentos no Concello de Santa Comba. As actuacións están actualmente en fase de licitación pública e o prazo para presentar ofertas remata en todas o 21 de xuño.

En canto aos proxectos de mellora da seguridade viaria, que se levarán a cabo proximamente, o de maior importe é a mellora da pavimentación e sinalización no lugar de San Salvador, cun orzamento de 358.971,17 euros. Os traballos a levar a cabo inclúen o asfaltado do vial, a realización dun drenaxe soterrado e saneo do firme en zonas con fochancas de gran consideración e, por último, a mellora do pavimento dunha senda existente que conta con 365 metros de lonxitude e 2 metros de ancho.

Os outros dous proxectos de mellora da seguridade viaria comprenden, por unha banda, a mellora do pavimento na vía que conecta Fontecada e Alón (197.015,12 euros), e, pola outra, a renovación do firme na estrada entre Abuín e Freixeiro así como a reparación da vía que vai desde Portochán e fai límite co Val do Dubra (144.811,20 euros).

En canto á mellora de equipamentos, destínanse 61.380,28 euros para a execución dunha cuberta na pista de pádel municipal que permita ampliar o seu uso durante todo o ano e finánciase con 38.597,28 euros o proxecto para a reforma e mellora da cuberta no centro de formación 'Escola Obradoiro', no que se substituirán as actuais pranchas de fibrocemento de dous dos catro faldróns que forman a cuberta por paneis sándwich de aceiro prelacado.