Estás en:Novas

A Deputación e o Concello de Ferrol invisten 610.000 euros na primeira fase das obras de renovación do estadio da Malata, en Ferrol

Formoso e Mato lamentan que a Xunta de Galicia "non poña nin un euro" nas obras de rehabilitación do estadio ferrolán

Formoso destaca que o apoio da Deputación "concrétase en feitos" e anuncia a disposición a seguir apoiando a renovación do estadio ferrolán

"Se ascendemos, a renovación do estadio é pura necesidade", afirma o presidente do Rácing, que agradece o apoio de Deputación e Concello de Ferrol

A Deputación e o Concello de Ferrol invisten 610.000 euros na primeira fase das obras de renovación do estadio da Malata, en Ferrol

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, asinaron esta mañá na sede da institución provincial o convenio entre ambas administracións para o o financiamento das obras de renovación do sector norte do estadio municipal da Malata. O acto contou tamén coa asistencia do presidente do Rácing de Ferrol, José María Criado.

O acordo, polo que a Deputación destina 488.026,92 euros, o 80% do orzamento total da obra, que ascende a 610.033,65 euros, permitirá corrixir as deficiencias que presenta a instalación no sector norte baixo as gradas, e que requiren unha actuación urxente, sendo esta unha infraestrutura moi importante para a cidade de Ferrol e para toda a comarca de Ferrolterra, destinada a servir como campo de xogo ao Racing de Ferrol.

"Desde a Deputación apostamos conxuntamente co Concello de Ferrol para renovar unha infraestrutura que levaba moitos anos demandando investimento: o estadio da Malata, a casa do Rácing de Ferrol, que vai ter todo o noso apoio. Un apoio que se concreta non só en palabras, nin en pactos por Ferrol nin promesas de futuro, senón en feitos", afirmou o presidente, Valentín González Formoso.

Falta de apoio da Xunta para A Malata

"Aínda non tendo competencias na materia, a Deputación da Coruña achega medio millón de euros e comprométese a poñer outro medio millón... así hasta que recuperemos un estadio en cuxa rehabilitación debería estar participando a Xunta de Galicia, pero na que non pon nin un euro", sentenciou Formoso.

No mesmo sentido se pronunciou o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, que expresou o seu agradecemento ao presidente da Deputación "que coñece ben a situación do estadio da Malata e desde o primeiro momento foi consciente da necesidade de acometer obras para a súa mellora".

"O compromiso se amosa con feitos", destacou o alcalde de Ferrol, que engadiu que lle gustaría "ver o mesmo compromiso por parte de todas as administracións e nomeadamente da Xunta de Galicia, que polo momento non está disposta a axudar ao Concello de Ferrol a facer eses investimentos que precisa a o estadio da Malata".

O presidente do Rácing de Ferrol agradeceu ao Concello de Ferrol e á Deputación o seu compromiso para asinar este convenio "importantísimo para o Racing, porque levamos tempo coa grada de fondo pechada e se trata dunha necesidade moi importante para o club, máxime tendo en conta en estamos nun play-off de ascenso e se se cumpren os obxectivos do club e ascendemos é pura necesidade", sostivo Criado.

As obras consistirán na reforma e reparación dos pavimentos, así como a reconstrución das zonas destinadas a aseos e almacéns, a renovación dunha parte da cuberta e de tres portóns que dan acceso ás instalacións deportivas.

Os traballos incluirán, en primeiro lugar, a demolición dos tabiques existentes, incluíndo os espazos de servizos que delimitan (aseos, almacéns, taquilla, cantina...), o levantamento do pavimento para a súa renovación total, a execución dos servizos existentes incorporando uns aseos accesibles, a substitución das instalacións existentes, a reposición das pranchas metálicas da cuberta que desapareceron pola acción do vento, a fixación dos elementos de formigón prefabricado que coroan a fachada, e, por último, a desmontaxe e substitución dos 3 portóns de acceso ao fondo norte que se atopan nun mal estado de conservación.