Estás en:Novas

“Despois das ondas” de Butaca Zero, volve ao Teatro Colón no centenario do nacemento de María Casares

O sábado rematará no mesmo escenario, tamén dentro da programación cultural provincial, a xira "Son da Memoria", de Seso Durán, nun concerto no que o músico marinense contará con seis artistas invitados, ademais da súa banda habitual

“Despois das ondas” de Butaca Zero, volve ao Teatro Colón no centenario do nacemento de María Casares

O teatro e o cinema daranse outra vez a man no escenario do Teatro Colón, onde este domingo, 19 de xuño, ás 20 horas, Butaca Zero representará "Despois das ondas", unha proposta que conta co apoio do departamento de Cultura da Deputación da Coruña. Convén lembrar que este texto dramático, da autoría de Ernesto Is, resultara gañador en 2017 do Premio Rafael Dieste, convocado pola institución provincial, e que aborda a figura da actriz coruñesa María Casares. Esta obra xa fora representada no Teatro Colón en 2019 e volve agora con motivo do centenario do nacemento de María Casares.

Enriba das táboas, Belén Constenla, Nerea Brey, Sonsoles Cordón, Roi Fernández, Beatriz de Vega e Ernesto Is emprenderán unha viaxe musical que nos conduce polas paisaxes da memoria da gran actriz coruñesa María Casares. A peza é puro 'cinema vivo' e mestura cine en directo, teatro e música: o público poderá gozar en directo da creación da maxia cinematográfica, pois "Despois das ondas" conta con cinco cámaras no escenario, un set de gravación, maquetas, fotografías, xelatinas, etc. coas que o equipo técnico, á vista do público, vai artellando o filme que se ve na gran pantalla colgada no canto do pano de fondo.

"Son da memoria"

A programación musical do departamento de Cultura da Deputación da Coruña volve o 18 de xuño ao Teatro Colón, onde Seso Durán presentará, ás 20 horas, o seu disco "Son da memoria". O músico marinense estará acompañado, como artistas convidados, por Carmen Rey (voz), Ángeles Dorrio (voz), Javier Cedrón (violín), Antonio Domínguez (voz), Félix Cons (voz) e Suso Iglesias (acordeón); e pola súa banda, formada por Alex Carrero (baixo), Lucas Fernández e Irra Chouza (guitarras), Cibrán Rey (batería), Xabier Vieitez (teclados) e Sabela Cereijo e Sandra Lima (coros).

"Son da memoria" é un disco de rock folk escrito arredor do que aconteceu tras o golpe de xullo de 1936. Centrado nas vítimas, nos verdugos, nos lugares, no cable eléctrico que conecta pasado e presente, o disco aposta por recuperar a memoria e ten un marcado acento de denuncia.

As entradas para os dous espectáculos son de balde e xa se poden retirar na web do Teatro Colón.