Estás en:Novas

González Formoso destaca a “misión fundamental” da Fiscalía Europea para loitar contra o fraude transnacional

O presidente provincial participou hoxe na apertura da Escola de Verán do Ministerio Fiscal que, tras dous anos de parón pola pandemia, volve ao Pazo de Mariñán

O tema central das xornadas, que rematarán o venres 17 de xuño, será a función da Fiscalía Europea, un órgano que cumpre un ano de vida investigando os delitos contra os intereses financeiros da Unión Europea

Para Formoso esta institución "preséntase como fundamental para o avance, crecemento e evolución dos países europeos"

González Formoso destaca a “misión fundamental” da Fiscalía Europea para loitar contra o fraude transnacional

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na apertura da Escola de Verán do Ministerio Fiscal organizada pola Secretaría Técnica da Fiscalía Xeral do Estado que, tras dous anos de parón motivado pola pandemia, volve ao Pazo de Mariñán, en Bergondo.

No acto, no que tamén participou o Fiscal Superior de Galicia, Fernando Suanzes, e o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Xustiza, Diego Calvo, González Formoso destacou a "misión fundamental" que terá a Fiscalía Europea, tema central das xornadas, para que "non se malgaste nin un só euro a causa da corrupción ou o fraude transnacional".

Segundo explicou Formoso, esta institución, que cumpre un ano desde que foi creada co obxectivo de investigar e perseguir os delitos que prexudiquen os intereses financeiros da Unión Europea, "preséntase como fundamental para o avance, crecemento, desenvolvemento e evolución dos países europeos".

"A propia Comisión Europea recoñece que os países da UE perderon en 2018 uns 140.000 millóns de euros en ingresos en concepto de IVE como consecuencia do fraude transnacional e que 638 millóns de euros de fondos estruturais europeos se utilizaron de forma indebida", salientou.

Para o presidente provincial "é imprescindible afondar tanto nos aspectos positivos deste novo órgano" que é a Fiscalía Europea "como en aqueles que aínda hai que mellorar" xa que "ata a súa entrada en funcionamento non tíñamos un verdadeiro control do fraude transnacional porque os órganos existentes como a Oficina Europea de Loita Contra o Fraude (OLAF) ou a Europol non podían abrir dilixencias de investigación penal nin incoar procedementos penais nos Estados membros".

González Formoso tamén aproveitou a súa intervención para celebrar "que poidamos albergar na nosa provincia un evento de tan alto nivel, no que se reúnen algúns dos maiores expertos xuristas do país" e agradeceu "á Fiscalía Xeral do Estado, á Fiscalía Superior de Galicia e á Xunta de Galicia a súa colaboración permanente para manter esta cita anual no Pazo de Mariñán".

Un ano de vida da Fiscalía Europea, a debate

As xornadas discorrerán desde o mércores ata o venres, en horario de mañá e tarde (o mércores e o xoves). A Escola de Verán será clausurada o venres á unha da tarde. O director da escola, o fiscal de Sala da Fiscalía do Tribunal Supremo, Fidel Cadena, será o encargado de dar por finalizado o curso para os fiscais no pazo bergondés.

O curso comprende tres días de seminarios a cargo dos máis importantes xuristas do país e está dirixido por Myriam Segura, fiscal da Fiscalía Especial Contra a Corrupción e Criminalidade Organizada. A Escola de Verán do Ministerio Fiscal está dirixida por Fidel Cadena, fiscal de Sala da Fiscalía do Tribunal Supremo.

A Escola de Verán do Ministerio Fiscal ten este ano como tema central a Fiscalía Europea, un ano despois da súa creación. Trátase dun órgano independente da Unión Europea encargado de investigar os delitos que atentan contra os intereses financeiros da UE e de exercer a acción penal contra os seus autores e levalos a xuízo, en particular no que respecta á fraude, á corrupción, ao branqueo de diñeiro, á fraude transfronteiriza en materia de IVE. A Fiscalía Europea empezou a funcionar o 1 de xuño de 2021. Tanto as institucións e órganos da Unión como as autoridades competentes dos 22 estados membros que participan na Fiscalía Europea deben informar a esta de calquera conduta delituosa que afecte o orzamento da UE. Tamén os particulares poden denunciar presuntos casos de fraude ou outros delitos.

A detección da fraude aos Orzamentos Públicos, a Autonomía como piar de actuación do fiscal nacional e europeo, o seguimento social e mediático dos procesos penais por fraude de subvencións son outras das cuestións que serán tratadas ao longo da Escola de Verán do Ministerio Fiscal.